Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O servizo de Teleasistencia coruñés chega a 2.600 persoas na provincia

González Formoso recoñeceu “o gran traballo” realizado polas operadoras cos maiores”

A Coruña. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas Villar, visitaron onte no polígono de Agrela (A Coruña) a central dende a que a institución provincial presta o servizo de teleasistencia domiciliaria aos 90 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes, todos a excepción das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol.

González Formoso agradeceu ás operadoras “o gran traballo realizado para acompañar aos nosos maiores que viven sós e dar tranquilidade ás súas familias, que durante os meses de confinamento sabían que se pasaba algo había algúen pendente ao outro lado do botón vermello durante as 24 horas do día”. “Sodes un deses servizos esenciais aos que tanto temos que agradecer o seu esforzo durante esta crise”, afirmou.

Segundo explicou o presidente, durante os meses de marzo, abril e maio o servizo de Teleasistencia da Deputación atendeu 38.527 chamadas, un 53 % máis que no mesmo período do ano anterior e rexistráronse 150 novas altas, polo que o número total de usuarios ao día de hoxe alcanza os 2.570.

“A última vez que visitei este centro, a Teleasistencia da Deputación daba servizo a pouco máis de 1.700 persoas, hoxe son case 2.600 e o noso obxectivo é seguir crecendo ata chegar aos 3.300 usuarios”, afirmou.

Formoso lembrou que durante a crise da covid-19 a Deputación simplificou os trámites para acceder de forma urxente á Teleasistencia e reforzou un servizo “do que estamos profundamente orgullosos, porque sabemos que é útil e mellora a vida da xente”.

Un aspecto no que tamén incidiu a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, é que a Teleasistencia da Deputación é gratuita para os usuarios, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional.

“Nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, cremos que é fundamental ofrecer un servizo como este”, sostivo Ana Lamas , que lembrou que a Deputación segue ofrecendo o servizo de teleasistencia ás persoas que o demanden a través dos servizos sociais dos concellos.

O presidente e a deputada realizaron sendas chamadas a usuarias da teleasistencia provincial para comprobar o funcionamento do sistema e coñecer a súa valoración sobre a atención que reciben e sobre a utillidade do mesmo durante a pandemia.

Carballo, con 141 persoas usuarias, Narón (138), Ribeira (90), Arzúa (78) , Teo (74), Malpica (66), Ortigueira (61) e Culleredo (58) son os municipios que contan con maior número de beneficiarios do servizo de asistencia.

500 chamadas diarias. En cada chamada, os teleoperadores interésanse sobre se a persoa descansou ben, se tomou a súa medicación e se se atopa en bo estado de saúde, mentras apuntan nun programa informático cada detalle que o seu interlocutor lle vai contando a través do intercomunicador que leva consigo as 24 horas do día. ecg

12 jun 2020 / 23:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito