Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O voluntariado en tempos de COVID

As distancias, o medo e a idade dalgúns usuarios e voluntarios contribuíron a facer moi difícil o voluntariado, mentres tanto moitas persoas seguen a precisar desas axudas

O voluntariado viuse afectado ca chegada da pandemia ao igual que toda a sociedade, a situación actual obrigou ás ONGs a cambiar a maneira de traballar e reinventarse. Dende a ONG Asdegal cóntannos que o seu lema “acompañar soidades”, nestes momentos materializouse moito máis, os seus usuarios que buscaban nos voluntarios unha compañía, viron agravada a súa situación.

Moitas destas persoas viven soas polo que a ausencia dos voluntarios aumentaría este sentimento de soidade moito máis durante o confinamento, “este acompañamento realizábase telefonicamente, chamamos e interesámonos por eles, cóntannos como están e facemos que se sintan un pouquiño menos sos, os acompañamentos físicos están dirixidos a acompañar a citas médicas, xestións administrativas ou compras de alimentos ou medicinas.”

No caso das persoas maiores, moitos deles non manexaban os dispositivos móbiles e non lle sacaban partido aos mesmos sen poder comunicarse vía videochamadas, por exemplo, polo que dende Asdegal lanzaron programas de axuda aos maiores no manexo das novas tecnoloxías para poder establecer contacto durante a pandemia.

Os acompañamentos a persoas hospitalizadas e en residencias da terceira idade non é posible realizalo e estase substituíndo por moitas accións dixitais, “polo Nadal, tivemos en marcha en toda Galicia a campaña Regala Sorrisos na que os residentes das residencias escriben unha carta pedindo un agasallo e desde Asdegal coa axuda de colexios e particulares fixémoslles chegar os regalos, que foron máis de 400. Estes presentes van acompañados dunha carta, postal ou debuxo dirixido á persoa que pedía o agasallo, outra maneira de achegarnos a eles nestes momentos. Tamén preparamos vídeos con panxoliñas e felicitacións realizadas polos nosos voluntarios.”

En canto ao apoio escolar a nenos en exclusión social, “aquí deuse un xiro de 360º; non temos locais onde facer o apoio escolar, e estanse dando clases en liña aos nenos que nolo solicitan, fomos unha das primeiras asociacións en Galicia en solicitar ordenadores para os nenos que carecían deles e comezamos cunha campaña no mes de abril na que os nosos voluntarios, cos seus propios medios de transporte e equipamentos de seguridade ían recoller computadores doados por particulares e empresas e deixábanos nos colexios que nos manifestaban que tiñan alumnos que non dispoñían deles, tamén solicitamos doazóns en efectivo para pagar conexións a internet a estes nenos. Seguimos solicitando dispositivos xa que a pesar de todos os esforzos de institucións públicas e fundacións aínda hai menores que non dispoñen deles.”

En Nadal tamén se fixeron moitas campañas en varias ONGs para que ningún neno se quede sen regalos. Foi una campaña máis reducida, xa que ao non ser posible a recollida física, nalgúns centros de traballo e educativos para minimizar riscos non se realizaron recollidas de xoguetes e alimentos.

“Todo cambiou moito para nós, xa que o noso era o contacto con persoas que estaban en situación de soidade. As distancias, a idade dalgúns usuarios e o medo contribuíron a facer moi difícil o noso voluntariado, e non acabamos de convencernos que estamos a facer todo o que se pode facer, parécenos pouco e quereriamos, nós e os nosos voluntarios, facer máis cousas, aínda que realmente fanse as mesmas pero doutra maneira” asegura a portavoz de Asdegal.

08 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego