Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Optan 74 candidaturas aos galardóns PEL da Deputación coruñesa

A IV edición do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial repartirá 75.000 euros

O xurado dos premios PEL que convoca anualmente a Deputación da Coruña reuniuse este venres na sede da institución provincial para avaliar as candidaturas presentadas ao IV Premio Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial. As entidades gañadoras do certame daranse a coñecer na segunda quincena de xuño, nun acto que contará coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado da Área de Emprego, José Ramón Rioboo, e representantes do tecido empresarial da provincia.

A Deputación convocou este premio por cuarto ano consecutivo dentro das accións do Plan de emprego local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e autónomas, concellos de menos de 20.000 habitantes e asociacións empresariais comprometidos co desenvolvemento económico da provincia nun ano especialmente duro para o noso tecido empresarial.

Un total de 74 candidaturas –51 empresas, 8 concellos e 15 asociacións da provincia– presentáronse ás cinco categorías coas que conta o galardón, dotadas con 15.000 euros cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a autónomos e empresas da provincia constituídas nas anualidades 2019 ou 2020; Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada para as constituídas en 2015 ou con anterioridade; Mellor Iniciativa Innovadora na loita contra a COVID-19, para autónomos/as, empresas e concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19; Concello Promotor do Emprego de Calidade, dirixida aos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes que promoven e favorecen o emprego e o emprendemento; e Mellor Asociación Empresarial, cuxa finalidade é valorizar o labor das asociacións de empresarios/as á hora de fortalecer o tecido empresarial.

A meirande parte das 51 empresas que concorren aos premios teñen o seu domicilio nos concellos da Coruña (17) e Santiago (7). En canto aos concellos, concorren os de Ares, Boimorto, Brión, Cerceda, Irixoa, Santiso, Sobrado dos Monxes e Vimianzo. A mellor asociación empresarial optan 3 de Santiago e coruñesas, e 2 de Ferrol.

En canto aos ámbitos de actividade das empresas, destaca o sector servizos, especialmente as empresas dedicadas aos servizos técnicos ou tecnolóxicos, así como o comercio e os servizos de educación e formación, seguidos das actividades empresariais industriais e téxtiles.

Nos vindeiros días establecerase a data do acto de entrega de trofeos no que se darán a coñecer as empresas, concello e asociación empresarial gañadores en cada categoría. Así mesmo, este evento propiciará o networking entre todas as entidades candidatas e contribuirá ao establecemento de relacións entre as mesmas.

O xurado estivo presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla Ramil, mentres que o cargo de secretario ostentouno Manuel Vázquez Sesmonde, xefe do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Medio Ambiente. Así mesmo, participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, como José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela (USC); José Andrés Faíña Medín, presidente do grupo de investigación de competencia e desenvolvemento rexional da Unión Europea da Universidade da Coruña (UDC); Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Carlos Fernández Bermúdez, subdirector da Cámara de Comercio da Coruña e Emma Lustres Gómez, produtora de Vaca Films Studio, S.L.

Os membros do xurado avaliaron as candidaturas presentadas, seguindo criterios de orixinalidade da idea de negocio, a xeración de emprego, a capacidade de expansión, o compromiso social e as medidas implantadas pola empresa a causa da COVID-19, as iniciativas de fomento do emprendemento postas en marcha polos concellos, os servizos prestados polas asociacións empresariais, entre outros.

28 may 2021 / 19:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.