Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 26 noviembre 2022
21:52
h
ENTREVISTA
Pedro Puy // Portavoz del Grupo del PPdeG en el Parlamento gallego

Pedro Puy: “Con Feijóo o PP conseguiu dar unha imaxe de alternativa, que era o que algúns pensabamos que faltaba”

{Granada, 1962}. Nunha conversa con EL CORREO, o voceiro parlamentario do Partido Popular analiza as circustancias máis salientables do panorama político actual, marcado polos cambios na política estatal, o inicio de curso, a sistuación do sistema sanitario e, en xeral, unhas eleccións municipais que afectan á totalidade do clima político.

Que valoración fai sobre estes anos como voceiro do PPdeG?

Coma todos os postos de responsabilidade pública, estivo condicionado por unhas circunstancias extraordinarias, a crise económica primeiro e agora, posteriormente, a crise pandémica, así coma polas consecuencias sociais, económicas e políticas que tiveron as dúas. Foi, polo tanto, un período moi intenso de traballo no que creo que fixemos algúns grandes avances e innovacións en moitos ámbitos, polo tanto, valóroo de xeito moi positivo.

E como voceiro, que opina do cambio de presidencia?

O primeiro dato positivo é a normalidade no relevo, o amplo acordo e a responsabilidade que se exerceu por parte de todos os que participamos no proceso para que a transición na presidencia fose non só formalmente correcta, senón que tamén políticamente non ocasionase ningún tipo de consecuencia negativa para a gobernanza ou para a saúde democrática da comunidade de Galicia.

E a segunda idea é que hai unha nova forma de presidir, pero dentro dunha continuidade nos programas e na acción do goberno. O que estamos vivindo é un cambio na presidencia, que é un cambio natural con certo compoñente xeracional. Polo tanto, hai un cambio nas formas e na maneira de facer as cousas, que non é nin mellor nin peor, senón diferente.

Polo que eu aprecio, tanto o grupo parlamentario como a sociedade e o partido estano asumindo con máis animo do que incluso podería un prever. A xente está contenta coas novas formas e, polo tanto, está ilusionada con esta etapa.

E en que se traduce isto?

Isto tradúcese en que lle estamos dando un novo pulo a cuestións programáticas que levábamos tempo pensando e que, ademais, viron acentuada a necesidade de resposta polas consecuencias imprevistas. Tiñamos previstas as consecuencias da etapa post-pandémica e das circunstancias económicas, pero non da Guerra de Ucraína, que é unha circunstancia nova que tamén hai que afrontar.

Estamos nunha etapa de ilusión porque a sociedade no seu conxunto está apreciando e valorando positivamente as formas e as maneiras do novo presidente.

Nas enquisas o PP ten moi boa percepción a nivel estatal, a que considera que se debe?

Ten que ver con dous factores. Por un lado está a insatisfacción que xera o goberno. Nos últimos anos temos visto actuacións moi cuestionables, polo que hai un compoñente de desgaste que vén dos últimos anos e que se acentúa no presente.

Pero hai un segundo compoñente, o positivo, que é que con Feijóo, o Partido Popular conseguiu dar imaxe de alternativa, que era o que algúns pensabamos que faltaba. Cando se detecta que hai un descontento cun goberno que está facendo determinadas cousas mal, a xente mira para a alternativa, e é bo que haxa unha seria, respectuosa co sistema institucional e que teña experiencia.

Falaba de actuacións moi cuestionables, como cales?

Sen ir máis lonxe, todas as actuacións de xestión da pandemia que o propio Tribunal Constitucional dixo que eran inconstitucionais, como o peche do parlamento e a declaración do estado de alarma.

Máis próximos estamos vendo que a xestión de determinados asuntos non é satisfactoria. O Goberno tomou decisións en materia enerxética de forma acelerada e sen ter un plan B, o que nos leva a unha crise moi rechamante, como ter que reabrir unha central térmica porque non hai enerxía.

E mesmo estamos vendo que está a dar respostas ante a inflación sobre as que cada día se di unha cousa distinta. Un día a alguén se lle ocorre que hai que poñer topes aos prezos ou facer chegar a acordos ás grandes distribuidoras, o que sería claramente un prexuízo do pequeno comercio, e hai outro ministro que di que é ilegal, outro que di que o presidente o está pensando, outro que di que segue sendo ilegal e que iso descualifica a quen o dixo.... Isto non é serio.

E como valora o debate entre os líderes políticos?

Ao mellor deberiamos repensar a estrutura dos debates nas cámaras parlamentarias, para que non haxa tanto descompensacións tan elevadas no tempo e para que se centren naquilo para o que foron convocados. Isto é unha cuestión que lle corresponde a unha presidencia que, por certo, nese debate foi bastante criticada de forma unánime.

Por outra, creo que serviu para reflectir esta situación, na que o goberno está moi preocupado porque a poboación aprecia que hai unha alternativa que é viable e que é confiable. Isto implica unha cuestión que poucas veces vin na política española de forma tan intensa nos últimos 40 anos, que é un ataque tan dirixido a un líder e dunha forma persoal. O debate demostrou que Alberto Núñez Feijóo quere facer política con alternativa.

No plano autonómico, as enquisan dan resultados un pouco máis apretados. Como ven desde o PP o paradigma?

Onde máis apreciamos historicamente que hai máis voto dual é no ámbito municipal, o cal non quere dicir que cando un partido está en alza ou en baixa non teña unha tradución no eidos locais. Isto vímolo nós na nosa contra nas eleccións municipais do 2015 nas que sufrimos a nivel local, moitas veces de forma inxusta porque hai alcaldes que estaban facendo unha boa xestión,... o peso negativo da imaxe da forza política.

Sen embargo, agora notamos que hai un vento máis a favor, como vemos nas propias enquisas nacionais. Polo tanto, tendo en conta que as eleccións municipais son un mundo aparte, a situación política xeral fai prever que imos continuar coa tendencia de recuperación no vindeiro 2023.

De ser preciso pactar, con que partido estarían dispostos a facelo?

Falta moito tempo para as eleccións e hai que esperar ao resultado electoral, e partir de aí tomar decisións. En Andalucía esa pregunta era constante e mesmo houbo partidos que fixeron a súa campaña baseándose en que se lle fixera esa pregunta ao Partido Popular e ao final a resposta deuna o votante, e goberna o partido popular en solitario.

Creo que é unha pregunta que será contestada despois das eleccións por quen teña que contestala, e igual a resposta a dan os propios votantes, tal e como vimos en Andalucía. É unha pregunta para os partidos minoritarios.

Aínda así é algo imporante que os votantes queren saber.

O Partido Popular ten claro que quere gobernar par cumprir o seu programa, no futuro veremos cales son os resultados e con quen e, no seu caso, se sería necesario pactar, porque igual tampouco hai unha única opción, como existen agora. No último debate do Senado, o presidente Feijóo propúxolle ao presidente Sánchez apoio parlamentario a cambio de que renunciase a algúns dos seus socios de goberno e Sánchez dixo que no.

As veces hai máis dunha alternativa, e xa veremos no seu día cal elixe o Partido Popular en función tamén da correlación das forzas que decide o votante.

Cal é a súa opinión sobre as recentas críticas á CRTVG e á súa dirección?

En liñas xerais a TVG está a ter uns resultados tanto en audiencia, en dinamización do sector audiovisual como en termos de boa xestión económico-financiera de persoal que son envexables, polo tanto o balance da Televisión de Galicia como institución é moi positivo.

Dito isto, pode haber algunha cuestión puntual que non debe facernos perder de vista a actuación global da TVG e pode ser cuestionable, certamente. Non é a primeira nin a última vez que unha administración de calquera cor ou calquera empresa ten un problema xudicial ou unha condena, e sempre hai que tratar de evitar que haxa problemas desta índole. Pero intentar converter ‘unha palla nun palleiro’ creo que, no caso da TVG é totalmente inxusto, tanto en termos históricos como en termos concretos da actual dirección.

Como se presenta o clima no Parlamento neste novo inicio de curso plenario?

Creo que en calquera cousa que ocorra agora no parlamento, debe verse desde a óptica de cales son os procesos electorais en curso, tanto no ámbito político coma no sindical. Dito isto, remítote á comparecencia do conselleiro neste pleno.

Primeiro, o Goberno deu a cara e pediu a comparecencia o Goberno antes mesmo de que comezara o curso, o que mostra a confianza que se tiña no inicio do curso, salvando algún posible incidente que se puidera producir que, polo, que vin non foron nin moitos nin moi excesivos ou graves.

O curso comezou con moita normalidade e en liñas xerais, e o sistema educativo galego está dando uns resultados excepcionalmente bos que están tendo lugar nunha comunidade autónoma que ten un nivel de renda menor que a media de España. Somos capaces de ter uns resultados que nos poñen por enriba da media cando a renda está por debaixo.

E ante as críticas do PSdeG, sobre as declaracións do conselleiro sobre unha “caótica” aplicación da LOMLOE?

Non foi só Galicia ou as comunidades gobernadas polo PP as que dixeron que, con eses prazos de aplicación, a LOMLOE ía xerar problemas na entrada do curso. Pero non debemos de confundir unha cousa coa outra, pode haber algunha disfunción pola ausencia dun currículo específico ou dalgún manual, que seguro que os profesores teñen experiencia para ir pulindo mentres non se aproben definitivamente.

Isto non quere dicir que a posta en marcha da lei fora exemplar, pero eses problemas súplense polo bo funcionamento do conxunto do sistema. As cousas funcionan ben cando tanto familias, como profesores e a administración van na mesma dirección.

Isto é o importante, que ante algún obstáculo, aínda que algún sexa xerado pola aplicación dunha norma, as cousas funcionen ben. Isto é para felicitarnos, claro.

E que resposta dades aos sindicatos que piden baixar as ratios, por exemplo, mantendo o número de docente da pandemia?

A pandemia é un período extraordinario e axustouse o gasto para dar recursos extraordinarios para cubrir as eivas, particularmente na educación. Non se pode extrapolar esa situación ou entender que é a óptima e na que deberiamos de fixar o teito do gasto.

O que sería preocupante é que estiveramos nun nivel inferior ou anterior ao esforzo extraordinario que se fixo no período de pandemia, pero non teño escoitado a ninguén que o discuta que é que ten mellorado a ratio de profesores-alumnos, que o ideal sería que seguise mellorando e que probablemente o faga, entre outras cousas, pola caída da poboación.

Isto é un fenómeno negativo como sociedade pero que no ámbito da educación ten a vantaxe de que ten a capacidade de mellorar calidade da educación.

Falando agora de sanidade, como é que chegamos a esta situación de problemática?

O primeiro, diría que a sanidade pública española e a galega, pese a pandemia, seguen sendo das mellores sanidades públicas do mundo. Sobre isto hai poucas dúbidas, e é algo que debemos de preservar e potenciar, dado que un dos factores que máis define a sociedade na que vivimos é a sanidade pública, e que a prestación sanitaria sexa universal é un factor esencial do noso sistema democrático e de benestar. Sígoo pensando con independencia de que hai moitas cousas que arranxar e mellorar.

A mellor proba do boa que é foi a resposta que se deu durante a pandemia, que creo que no conxunto de España, pero especialmente en Galicia, foi excepcional. Unha proba na que unha sanidade pública que “destruída e desmantelada” como algúns din, non tería dado a resposta que lle deu á crise.

E que pode dicirnos sobre a falta de persoal que tanto acusan dende a oposición?

O que estamos a vivir agora é unha crise, sobre todo, de atención primaria. Isto non é novo, xa ben de atrás. Coincidiron na crise do 2008, unhas restricións orzamentarias moi duras cunha fase ampla de renovación do persoal de atención primaria, polo que hai unha escaseza por falta de relevo xeracional e é complicado cubrir as prazas. que é onde se detecta maior tensión.

Insisto, a sanidade pública é a bandeira do noso estado de benestar e todos debemos de tentar que siga ben dereita.

Unha década como voceiro popular

Doctorado en Dereito, Pedro Puy é profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela na Área de Economía Aplicada. Tamén é autor e coordinador de sete libros e demáis de cincuenta capítulos de obras colectivas, artigos e notas en revistas especializadas.

Na VI Lexislatura, entre o 2002 e o 2005, acupou o posto de Director Xeral de Relacións Instirucionais da Consellería de Presidencia.

No periodo comprendido entre os anos 2007 e 2009, por designación do Parlamento de Galicia, foi Conselleiro do Consello de Contas de Galicia, e ao longo das seguintes tres lexislaturas ocupou a posición de deputado.

Dende o ano 2011, é o voceiro parlamentario do PP, aínda que antes pasou polas posicións de voceiro de Economía e de viceportavoz.

17 sep 2022 / 00:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.