Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pontón seguirá liderando o BNG co reto de presidir a Xunta no 2024

Sente que a formación está no mellor momento para disputarlle a hexemonía ao PP // Defende que cada vez hai unha maioría máis ampla que busca o cambio

Traballar para o crecemento da súa formación política non representa ningún sacrificio para ela, e, se nalgún momento o fora, ten claro que nin sequera precisaría pensalo. “Sería mellor non estar porque non podería dalo todo”, asegurou onte Ana Pontón, a voceira nacional do BNG.

Non obstante ese non é o seu caso e este xoves, nunha rolda de prensa con gran seguimento, anunciou que continuara liderando aos nacionalistas galegos, co “gran reto” de lograr a presidencia d Xunta nos comicios autonómicos que se celebrarán no ano 2024.

Despois de 56 días transcurridos desde que ela mesma, o 26 de agosto pasado, anunciara que abría un periodo persoal de reflexión para valorar que papel debía xogar ante o novo ciclo político que o BNG abrirá tras a Asemblea Nacional, despexou as incógnitas.

Na súa intervención, ante preguntas sobre se esa reflexión estivera tamén motivada polo sacrificio persoal que seguir como cabeza máis visible do nacionalismo lle implica na vida privada, Pontón, con suavidade pero claramente quixo acallar rumores.

DIFERENTES VALORACIÓNS POR SER MULLER “Aceptei ser canditata á presidencia da Xunta embarazada, fixen unha campaña electoral tres semanas despois de ter dado a luz e creo que está demostrado que o compromiso con esta organización é evidente”, é dicir, considera que o seu compromiso xa se debería de dar por feito, indicou. E reflexionou sobre as cábalas publicadas nos últimos dous meses dos posibles motivos para plantexarse a súa marcha, indicando “se en vez de ser unha muller fose un home ese tipo de valoracións seguramente son se terían realizado”.

DA RESISTENCIA Á REORGANIZACIÓN E AO DESPEGUE COMO SEGUNDA FORZA DO PAÍS Con todo, na súa intervención, a líder do BNG dixo que “coa Asemblea do 7 de novembro o BNG remata un ciclo político desde 2016 até hoxe, ciclo que no que o Bloque evolucionou da resistencia, a reorganización, e rematou no despegue, situándonos como segunda forza política do país”. E por este mesmo motivo, unido a que o obxectivo principal é disputarlle a hexemonía política galega a os populares, foi polo que precisou pensalo.

Para ela, “era necesario facer un alto no camiño. Seguir como si nada, simplemente non era unha opción”, asegurou, engadindo ser perfectamente consciente de que non o máis habitual. “Non é habitual que alguén se cuestione a súa idoneidade para seguir a fronte dunha organización tras obter o mellor resultado electoral da súa historia. Por iso, a miña decisión deu pé a moitas e variadas lecturas, cando non hai máis que unha” asegurou Pontón.

“Esta reflexión responde a miña forma de ser, á forma que teño de entender a política e mesmo de entender a vida: que é a de non dar nada por feito, non dar nada por sentado, fuxir dos camiños trillados por máis que fose a opción cómoda e rutineira”, indicou ante os medios.

Así que, ante a importancia dio reto que o partido ten marcado para os vindeirtos tres anos, que é de tal calibre para ela, “non era posible deixarme levar pola inercia, nin pola compracencia. Porque acomodarse cando está en xogo o futuro de Galiza, tería sido un erro maiúsculo e, seguramente, un lastre no reto colectivo que temos por diante”.

PROXECTO COLECTIVO, FORTE E CADA VEZ MÁIS AMPLO Unha importancia que vén dada porque nas últimas dúas décadas, por primeira vez, o BNG ten a posibilidade de liderar o Goberno de Galiza; por primeira vez o BNG está en disposición de disputarlle a hexemonía ao PP, desde un proxecto colectivo forte, cada vez máis amplo, que non para de ensanchar a súa base social e, por primeira vez, o pode afrontar con garantías de éxito o obxectivo de abrir un tempo novo, de futuro e de esperanza, asegurou Pontón.

Así falou con militantes de base, compañeiros con responsabilidade política, homes e mulleres a pé de rúa que non militan no BNG, intercambio ideas e propostas, comprobou que hai unha ampla maioría que comparte o seu obxectivo e, sentíndose respaldada, decidiu seguir como cabeza visible do nacionalismo galego.

Algunhas frases destacadas

“Non é habitual que alguén se cuestione a súa idoneidade para seguir a fronte dunha organización tras obter o mellor resultado electoral da súa historia”

“Esta reflexión responde a miña forma de ser, á forma que teño de entender a política e mesmo de entender a vida: que é a de non dar nada por feito”

“Aceptei ser canditata á presidencia da Xunta embarazada, fixen unha campaña electoral tres semanas despois de ter dado a luz e creo que está demostrado que o meu compromiso coa organización é evidente”

28 oct 2021 / 11:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.