Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pontón critica que Raquel Sánchez e Rueda tardasen 10 días en acudir ao viaduto da A-6: "Non nos aclararon nada"

O BNG pide “explicacións e transparencia” e acusa ao PP e ao PSOE dun “pacto de silencio impresentable” sobre o derrube da vía

SANTIAGO. EUROPA PRESS. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou este sábado que a ministra de Transportes Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tardasen 10 días en acudir ao lugar onde se produciu o derrubamento do viaduto da A-6 e censurou que "non aclararon nada". "Non aclarou que hipóteses están a barallarse, cal é a responsabilidade das empresas construtoras, nin tampouco prazos para a reapertura. Nada de nada", reafirmou. Durante a súa intervención ante os medios no marco da celebración do Consello Nacional da formación, Pontón acusou ao PP e ao PSOE dun "pacto de silencio impresentable" e cuestionouse "a quen queren protexer": "A Álvarez Cascos?, a Florentino Pérez?, ao lobby do palco do Bernabéu?".

Así mesmo, a líder nacionalista reflexionou sobre como pode ser que un viaduto "que se construíu hai 20 anos, o máis caro do Estado español, estea colapsado". "Hai pontes romanas polas que pasan camións e aínda están en pé", ironizou. Asegurou que están "escandalizados" despois dese segundo derrube que se produciu o pasado xoves e pediu explicacións sobre "como unha ponte que estaba a piques de reabrir despois duns arranxos millonarios, cae e até se fala da súa demolición". Ante esto, insistiu en reclamar "explicacións e transparencia" e expuxo as demandas do BNG "en defensa de Galicia": a comparecencia da ministra, unha auditoría independente de todas as pontes da A-6 "en aras da seguridade das persoas que transitan por esta vía", unha estratexia e un calendario para circular con normalidade pola autovía. Ademais, afirmou que á formación nacionalista parécelle "de enorme gravidade" o ocorrido neste viaduto e avanzou que irán "até o fondo" da cuestión "caia quen caia".

DISCRIMINACIÓN A GALICIA. Nesta mesma liña, Pontón volveu a insistir en que o Goberno central e a Xunta necesitaron 10 días e o colapso doutra parte do viaduto para visitar o lugar do sinistro algo que, na súa opinión, mostra "como entenden o PP e o PSOE Galicia porque para eles Galicia sempre pode esperar". Sobre isto, sinalou que este "desprezo" se pode observar "con este desastre" que afecta a unha infraestrutura "de primeiro nivel", pero tamén coa "satisfacción" mostrada por Rueda e a ministra Nadia Calviño cando, ao seu xuízo, a reunión que mantiveron o pasado venres "saldouse sen ningún acordo concreto para Galicia". "Así é como tratan o PP e o PSOE a Galicia. A mesma discriminación de sempre, o mesmo agravio de sempre. Por iso, cae unha ponte e tardan 10 días en presentarse aquí ou por iso consideran satisfactoria unha reunión que acaba sen ningún compromiso con Galicia", apostilou. Por iso, Pontón reivindicou que "é urxente un cambio real" para que Galicia teña "un goberno coas mans libres" para defender os intereses dos galegos: "Un goberno liderado polo BNG".

18 jun 2022 / 14:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.