Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pontón urxe a Feijóo aclarar se "vai dimitir e abrir unha crise de goberno para tentar solucionar a crise do PP"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "aclare aos galegos" se vai optar "por Galicia ou por Génova". "Galicia non pode estar á espera de se Feijóo toma o camiño das súas ambicións persoais", advertiu a líder do principal partido da oposición no Parlamento, para preguntar: "Vai dimitir e abrir unha crise de goberno para en Galicia para tentar solucionar a crise interna do PP?". En declaracións aos medios este xoves, despois de que durante a cara a cara no Parlamento de Galicia este mércores xa lle reclamase explicacións a Feijóo, Pontón manifestou que estas cuestións deben ter resposta "canto antes", xa que, engadiu, os galegos "non poden esperar até abril" para estas respostas. "Ata agora tiñamos uns presidentes sen propostas e sen alternativas ante os graves problemas que sofren os galegos e, agora, temos un presidente ausente", manifestou Pontón, quen incidiu en que "ten que aclarar aos galegos canto antes se vai abrir unha crise de goberno en Galicia para solucionar a crise interna do Partido Popular".

"SITUACIÓN COMPLICADA". Pontón describiu que Galicia "neste momento ten unha situación complicada, con empresas pechando, servizos públicos en grave deterioración, inflación disparada crecendo por encima da media e vendo como se encarece a luz, o gas e carburantes". "As familias estanse empobreciendo e dificultando a recuperación económica", advertiu.Por iso, a líder do BNG remarcou que Galicia "non pode ter un goberno en modo pausa e un presidente ausente, preocupado e ocupado en tapar a corrupción do PP, preocupado nas guerras internas do PP e non ocupándose das súas responsabilidades e dos problemas dos galegos, que é polo que se lle paga neste país".

Así as cousas, Pontón incidiu en que a pregunta é se Feijóo "vai dimitir e abrir unha crise de goberno en Galicia para tentar solucionar a crise interna do país". "Por honestidade política, ten que aclaralo canto antes, porque Galicia non pode estar a esperar até o mes de abril a que o señor Feijóo aclare se vai optar por Génova e polo camiño das súas ambicións persoais", sentenciou.

24 feb 2022 / 19:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.