Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
doutoras vilar, arias e rodríguez. Tres expertas ciruxanas de referencia no manexo da tecnoloxía Da Vinci afirman que o tempo de recuperación das pacientes non deixa de impresionalas, como si non lles houbesen operado TEXTO Ángela Precedo

Practicar oncoxinecoloxía vendo o interior do útero sen abrilo é posible da man dos novos robots ciruxanos

“En oncoxinecoloxía a incorporación do robot Da Vinci foi fundamental para poder abordar mediante ciruxía mínimamente invasiva casos complexos que antes nos víamos obrigadas a tratar con ciruxía aberta, ou que incluso tiñamos que desestimar polo alto riesgo de complicacións postoperatorias da ciruxía aberta nunha paciente concreta (por exemplo, nos casos de obesidade severa, que adoita asociarse co cancro de endometrio)”, explica a EL CORREO a doutora Ana Vilar, do Complexo Hospitalario Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

Hoxe por hoxe, grazas ao robot, pode accederse a zonas máis profundas da pelve, “con visión óptima e movementos precisos”, o que posibilita a ciruxía aínda que o espazo sexa moi limitado polas características particulares da doente. Ademais, a ferramenta tamén leva integrado un sistema de imaxe por fluorescencia que lles permite detectar ganglios linfáticos para realizar a ‘técnica do ganglio centinela’.

Esta técnica, nos casos nos que está indicada, tal e como precisa a doutora Vilar, “pode axudarnos a evitar ciruxías ganglionares amplas, que se asocian tamén cun maior risco de complicacións, ao tempo que posibilita o diagnóstico de pequenas metástases non visualizadas nas probas de imaxe”. Así mesmo, a imaxe por fluorescencia serve para identificar o traxecto dos ureteres e así evitar a súa lesión durante a ciruxía pélvica, especialmente nos casos máis difíciles con moitas adherencias.

Todo elo leva consigo, tal e como engade a súa compañeira, a doutora Efigenia Arias, “a necesidade de abrir incisións máis pequenas no abdome da paciente”, o que tamén deixa menor marca. Sobre isto, a doutora Helena Rodríguez, que as acompaña no quirófano, explicános que as incisións utilizadas son do rango dos oito milímetros. “Polo xeral usamos menor presión intraabdominal con CO2 para expoñer o campo operatorio que na laparoscopia convencional”, detalla.

Isto permite unha menor pérdida de sangue durante a ciruxía e, por tanto, “reduce a posibilidade de transfusión sanguínea e a posibilidade de infección postoperatoria”, segundo indica. E pon o exemplo de mulleres xóvenes con patoloxías complexas como pode ser a endometriose, á que o robot lles facilita ciruxías preservadoras da fertilidade, “xa que unha visión aumentada e tridimensional como a que nos proporciona o Da Vinci permítenos extirpar as lesións con máis precisión, preservando a maior cantidade de tecido ovárico sano, e liberar as posibles adherencias minimizando o dano aos órganos afectados, como pode ser o uréter, o intestino ou a vexiga”, conta a doutora Rodríguez, que engade que no caso concreto da endometriose mesmo se poden visualizar e extirpar lesións “ocultas que non se ven a simple vista e que de non extirparse poderían progresar e causar síntomas”.

NECESIDADE DE PERSOAL FORMADO. Agora ben, como o robot non pode operar por sí mesmo, senón que actúa como asistente do ciruxán que opera dende a súa consola, a doutora Vilar precisa que “sempre é necesaria a participación doutro ciruxán axudante e dun enfermeiro instrumentista (como en calqueira outra ciruxía) que teñen que situarse no campo estéril a carón da doente e dos brazos robóticos”. A súa función pasa por realizar os cambios das pinzas, introducir ou retirar elementos do campo cirúrxico, vixiar que no exterior todo funciona correctamente e estar dispoñibles para actuar de forma rápida se houbera algunha complicación que obrigara a reconvertir á ciruxía aberta ou laparoscópica convencional. Este último suposto, asegura a doutora, “nunca nos pasou polo momento”.

O resto do personal necesario (anestesiólogo, enfermaría, auxiliares de enfermaría, celadores, persoal de limpeza...) tamén é o mesmo que se necesitaría para unha ciruxía non robótica, coa única diferenza de que debe ter formación especializada no robot en concreto. “Todos os integrantes do equipo de operacións abrazaron este proxecto con profesionalidade e ilusión e realizan unha labor impecable, sen a cal, non sería posible acadar o rendemento que estamos tendo nin sequera co robot”, precisa a doutora Arias.

Pero, a pesar de que se requiere de formación pasa su uso, o Da Vinci, tal e como nos aseguran estas tres doutoras, foi deseñado para ser manexado de forma intuitiva. “Eu sempre o comparo con conducir un coche: require dunha formación teórica, facer prácticas cun titor experimentado e pasar un exame que acredite que podes conducir”, explica a doutora Vilar, que engade que, “ao primeiro resulta un tanto difícil a coordinación entre mans, pés e múltiples elementos, pero despois de moitos quilómetros todo sae de forma case automática e sénteste moi cómoda no seu manexo”.

INCISIÓNS MOITO MÁIS PEQUENAS E MAIOR PRECISIÓN DE ACTUACIÓN. Entre as vantaxes, todas coinciden en que para as doentes son moi numerosas, pois “poden beneficiarse de ciruxías máis precisas, menos invasivas e con mellor recuperación postoperatoria”, pero para o ciruxán tampouco son menos, xa que “pode realizar ciruxías complexas con menor esforzo físico e, polo tanto, con menor cansanzo, o que repercute tamén nunha menor posibilidade de cometer erros”.

“A laparoscopia asistida por robot minimiza o traumatismo nos puntos de entrada (no abdome), que é a principal causa de dor no postoperatorio”, precisa a doutora Arias, que asegura que así disminúese a posibilidade de que se den complicacións na recuperación, como infeccións respiratorias ou tromboses.

E é que, tal e como detalla a doutora Rodríguez, “o ciruxán é quen de visualizar o interior da paciente como se estivera dentro dela, en tres dimensións, e cunha definición altísima que lle permite ver a anatomía microscópica se é necesario, o que da moita seguridade e minimiza a posibilidade de lesión dalgún órgano vital”.

Polo xeral, resérvanse os quirófanos de ciruxía robótica para os casos máis complexos, porque o tempo que se emprega no acoplamento do robot compénsase despois cunha maior fluidez durante o acto cirúrxico en sí. Dependendo do tipo de intervención, incluso se poden programar dúas ciruxías nunha mañá. Outras xa requiren toda a mañá e mesmo parte da tarde.

Con todo, para unha ciruxía máis curta dese tempo, séguese preferindo usar a técnica laparoscópica convencional. “O tempo de realización da intervención en sí é igual ou menor con robot, pero a preparación do campo e o acoplamento do robot é algo maior”, indica a doutora Arias, que asegura que é por iso que para ciruxías sinxelas non paga a pena utilizar o robot, dado que “precisaríamos ter anestesiada á doente máis tempo do que é necesario”.

PRIMEIRA EXPERIENCIA FAI MENOS DUN ANO. A primeira operación destas tres ciruxanas co robot Da Vinci nas mans foi en novembro de 2021. Elixiron para ela unha histerectomía (extirpación de útero e ovarios) fácil por patoloxía benigna, tal como lles recomendara a súa titora, a doctora Cabrera do Hospital Vall d’Hebrón, que lles acompañou ese día no quirófano. Operaba como ciruxana de consola a doutora Arias e como asistentes estaban a doutora Rodríguez e máis a doutora Vilar. A titora rematou por felicitalas pola compenetración que tiveran entre as tres, froito de moitos anos de traballo operando xuntas.

“A verdade é que saiu todo perfecto, quedamos moi contentas coa sensación e o resultado, e con ganas de empezar xa a facer intervencións máis difíciles”, recorda a doutora Vilar, que afirma que a doente “non se extrañou moito co robot, pois elas sempre adoitan estar moi dispostas ante calquera avance que poida mellorar os resultados”. O que sí foi sorprendente, segundo indica, foi o ben que se atopaba ao día seguinte, sen apenas precisar analxésicos e movéndose como se non se lle houbese feito nada. “Impresionante”, conclúe a doutora Vilar.

“A expectación era máxima, inicialmente estábamos algo nerviosas, pero pouco a pouco esas sensacións foron transformándose en emoción e alegría. Fixémolo moi amodiño, desfrutando cada xesto cirúrxico e, aínda así, durou un tercio do tempo previsto”, recorda, pola súa banda, a doutora Arias, que lamenta que se lle fíxo “moi curta” e xa estaba desexando repetir.

24 sep 2022 / 20:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.