Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Prado critica que todas as emendas do PPdeG aos OXE foran rexeitadas

A secretaria xeral do partido lamentou que o BNG se abstivera na votación dos orzamentos

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, cargou este sábado contra o Goberno central e o seu presidente, Pedro Sánchez, por rexeitar as 216 emendas presentadas polos populares galegos aos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para 2023 e que buscaban, tal e como asegurou, “beneficiar a Galicia”.

Así o expuso durante unha visita realizada onte a Ribadeo (Lugo) en compañía do presidente local do partido e deputado autonómico, Daniel Veiga, na que Paula Prado lamentou que o Partido Socialista de Pedro Sánchez non apoiase “ningunha” das reivindicacións para a comunidade galega.

Precisamente, a ‘número dous’ do PPdeG achegouse até o municipio lucense para visitar o histórico establecemento Chocolates Moreno e, á súa vez, coñecer os problemas da veciñanza e propor solucións, “as mesmas” que “estaban incluídas nas emendas rexeitadas”.

Neste contexto, Paula Prado tachou de aínda “máis lamentable” que o Bloque Nacionalista Galego “que tanto di defender” á comunidade galega, “estea enlamando a política autonómica” en lugar de “defender os intereses” da autonomía ante o Estado central.

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, abstívose esta semana na votación dos Orzamentos Xerais para 2023, unha postura que Paula Prado afeou porque significa porse “de perfil” ante unhas contas que “tanto prexudican” aos galegos.

“PARÁLISE POLÍTICA” EN RIBADEO. A secretaria xeral dos populares galegos quixo, asemade, aproveitar a súa visita a Ribadeo para impulsar o proxecto local do PP nun concello que “desfallece” tras 15 anos gobernados polo BNG. “Vemos un municipio con moitísima parálise política e creo que é importante que a xente de Ribadeo vexa que hai unha alternativa. A alternativa dun goberno serio e solvente, do Partido Popular”, engadiu.

Pola súa banda, Daniel Veiga definiu ao PP local como un grupo de amigos que traballan “en defensa dunha poboación”. Asemade, defendeu a súa labor de oposición “non só fiscalizando” ao goberno nacionalista, senón “indo máis aló: traballando
e xestionando Ribadeo”.

Neste contexto, puxo como exemplo algúns dos proxectos impulsados pola Xunta de Galicia, como o novo centro de saúde e as obras no CEIP Gregorio Sanz, cun investimento de case un millón de euros.

27 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito