Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premio á permanente filiación co galego de Antonio Rigueiro

Recibiu o Luís Porteiro Garea polo seu labor a prol da lingua // Defendeu as súas orixes no Val do Mao

Coa mesma naturalidade coa que o leva facendo toda a vida, Antonio Rigueiro defendou a súa permanente filiación co galego logo de recoller o IV Premio Luís Porteiro Garea á promoción do uso da lingua galega na Universidade de Santiago (USC).

Na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría deixou claro que “o galego é a miña lingua natural, o idioma propio de calquera neno da Galicia rural, polo que nunca supuxo ningunha dificultade ou seu uso”.

Nunha cerimonia presidida polo reitor Antonio López, Rigueiro remarcou as súas orixes no Val do Mao, nunha aldea do Concello do Incio.

Na entrega, López asegurou que “a galeguidade de Antonio Rigueiro e a súa relación co galego é indisoluble”, que despois abondou nos méritos colleitados polo galardoado ao longo da súa traxectoria como docente, investigador e tamén no seu labor de transferencia e divulgación científica.

O uso da lingua galega na USC e a necesidade de seguir a traballar para afianzar o emprego deste idioma tanto na docencia como na investigación, así como nas actividades de transferencia e divulgación, centraron outras das mensaxes manifestadas polo reitor da USC, que ve na lingua propia de Galicia “unha ferramenta necesaria” para conservar o auténtico significado das palabras.

As intervencións dos profesores da EPS de Lugo Ana Isabel García Arias e Francisco Javier López González, que actuaron de padriños do galardoado, afondaron nalgúns dos aspectos xa recollidos polo xurado, que puxo en valor a traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social de Antonio Rigueiro ao longo de toda a súa carreira na USC, á que o agora premiado se incorporou como profesor titular en 1988, así como noutras iniciativas de divulgación científica e sociais tamén desenvolvidas por el.

“O feito de ter o galego como lingua habitual reforzou se cabe a naturalidade do galardoado, potenciou a súa empatía co alumnado e co resto de membros da comunidade universitaria, ao tempo que rompeu coa imaxe clásica e xa superada da figura dos catedráticos de universidade”, sinalaron.

A aterraxe de Antonio Rigueiro na USC produciuse como a dun paracaidista, recordou el mesmo, “xa que cheguei á academia desde o Centro de Investigacións Fores- tais de Lourizán, onde xa tiña algunhas publicacións e traballos de divulgación escritos en galego”, explicou.

Esta bagaxe, que o propio Antonio Rigueiro presentou como méritos a valorar cando en 1988 optou á praza de profesor na USC, deparou o seu rexeitamento por parte do presidente do seu tribunal ante o temor de que fora a impartir docencia en galego. “Afortunadamente, este criterio non foi compartido polos demais membros do tribunal”, subliñou Rigueiro.

O catedrático da USC manifestou tamén a súa gratitude á Universidade e a todos os que promoveron e fallaron a súa candidatura como merecedora do Premio Luís Porteiro Garea, que supón “un recoñecemento moi importante para min”.

vivencias de neno
‘dos años’ ou ‘dous años’

··· No seu emotivo discurso, o galardonado co Premio Luis Porteiro Garea lembrou unha anécdota simpática que viviu de neno, cando o galego, asegurou, era, ademais da súa lingua natural, a única que coñecía: “Nunha viaxe a Madrid, logo de que meu pai lle indicara en castelán a un amigo que “el niño tiene dos años”, eu aclarei que “dous años e as ovellas”.

··· Rigueiro repasou tamén o seu proceso de identificación co protagonista da obra de Xosé Neira Vilas ‘Memorias dun neno labrego’, “o primeiro libro que lin”, precisou, para engadir que “desde un principio, sentinme moi identificado con Balbino, pois era un neno de aldea coma min, que estaba chamado a ser labrego”.

17 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.