Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premios para Mestrelab, Laboratorio de Bases de Datos e Alice Biometrics

Protagonizan a quinta edición dos Spin-Off de PuntoGal e GCiencia, entregados na Coruña

Mestrelab Research e Alice Biometrics e o grupo de Investigación Laboratorio de Base de Datos (LBD) recibiron este martes no Paraninfo da Universidade da Coruña (UdC) os galardóns correspondentes á V edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que distinguen as empresas e grupos máis innovadores da economía e da rede de investigación galegas.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o reitor da UdC, Julio Abalde, e o concelleiro de Economía e Facenda coruñés, José Manuel Lage, asistiron ao acto no Paraninfo da UdC. Organizados polo dominio PuntoGal e GCiencia, contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e de Gadis.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez destacou que a maior parte da investigación que se fai en Galicia procede das universidades e sinalou que o Plan de Financiamento Universitario en elaboración ten como un dos eixes incentivar a unión de investigación e innovación. Gabou o “tesón” das empresas e grupos premiados, pois o seu éxito será tamén o “da Galicia do futuro”.

Abalde explicou que as universidades poden axudar co proceso de transformación dixital da economía, que ten que implicar ós grupos de investigación e empresas que saen das instititucións académicas. “Parabéns ao dominio PuntoGal e a GCiencia polo traballo que fan para difundir o traballo que se fai nas tres universidades galegas”, dixo.

Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, coorganizadora dos Premios, apuntou que Puntogal inviste todos os seus beneficios na promoción da lingua e cultura galegas e na promoción das TIC en Galicia. “Estes premios non pretenden outra cousa máis ca mostrar á sociedade a importancia que ten a investigación para o desenvolvemento do noso País, e nesta investigación a realidade dinos que o papel das Universidades é fundamental”, sinalou González. Ademais, avogou por unha maior implicación da empresa privada no I + D, porque o nivel de investimento nesta área aínda é exiguo. “A empresa debe decatarse de que os recursos destinados á investigación non son un gasto, senón un investimento que máis pronto ou máis tarde lle xera beneficios económicos e sociais”, concluiu.

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, a gañadora foi Alice Biometrics, compañía viguesa que desenvolveu unha solución á necesidade de poñer en marcha sistemas de identificación biométrica remotos. O director técnico da empresa, Esteban Vázquez recolleu o galardón.

No apartado de Grupos de Investigación, o xurado elixiu como gañador ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD), grupo adscrito á Universidade de A Coruña. O grupo que ven traballando dende o ano 1996 no ámbito das tecnoloxías de bases de datos e sistemas de información para a xestión de empresas e entidades, con fitos como a creación da Biblioteca Virtual Galega. Recolleu o premio Nieves Brisaboa, responsable do grupo e Premio Nacional de Informática no ano 2019.

Por último, Mestrelab Research obtivo o galardón no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidaran unha traxectoria de prestixio nos últimos anos. Trátase dunha compañía nacida en 2004 na USC que se converteu nun dos líderes mundiais no software especializado polos investigadores do sector biotech. O premio foi recollido polas directivas da spin-off Vanessa Castro e Cristina Geada.

Entre os obxectivos destes galardóns figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. Tamén se tiveron en conta polo xurado factores como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas.

Os integrantes do xurado foron as investigadoras Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín. En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Imatia ou Innolact, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics.

16 nov 2021 / 18:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.