Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Preparada a USC para adaptarse á situación do curso 2020-2021

As directrices para a docencia presencial segura contemplan tres hipotéticas situacións

Santiago. A Universidade de Santiago (USC) afrontará o vindeiro curso 20/21 apoiada nunha serie de ferramentas que permitan a mellor adaptación posible ás necesidades dunha realidade cambiante por mor do covid-19.

Neste senso, a Comisión para a Planificación Docente definiu as Directrices para o Desenvolvemento dunha Docencia Presencial Segura para o curso 2020-2021, un documento que acaba de ser obxecto de análise por parte da comunidade universitaria.

As achegas dos distintos colectivos están integradas no texto que constituirá o marco de referencia da USC á hora de afrontar o próximo ano académico en base a tres posibles escenarios: normalidade adaptada, distanciamento e peche de instalacións.

Estas directrices, xunto coas Bases para o Desenvolvemento dunha Docencia Presencial Segura, elaboradas polo Comité para a Seguridade Sanitaria e aprobadas polo Consello de Goberno, en opinión do reitor, Antonio López, “poñen en valor o aprendido no segundo cuadrimestre do curso que agora remata ao tempo que definen escenarios e medidas que permitirán afrontar con garantías a docencia presencial no curso 2020-2021”.

Como sinala o reitor, “somos unha Universidade presencial” e os documentos definidos “permitirannos, a bo seguro, xestionar con garantías a docencia na realidade que nos toque vivir”.

Tanto as directrices como as bases son froito do diálogo do Comité e da Comisión con todos os colectivos que compoñen a comunidade universitaria que, ademais, contribuíron á mellora do seu contido con achegas.

Os principios básicos en que se asentan inclúen o respecto ao carácter presencial da docencia na USC, a necesaria flexibilidade para a adaptación da actividade universitaria aos diversos escenarios, que atenda ás diferenzas entre as titulacións que se imparten nos seus campus; así como a responsabilidade, tanto individual como colectiva, de todos os axentes que conforman a comunidade universitaria.

As bases definen quenes son as persoas responsables nos ámbitos de seguridade sanitaria e docente, así como os recursos humanos, materiais e de espazo, ademais de medidas de protección da sáude e de adaptación da docencia en cada un dos tres escenarios contemplados.

Nas directrices, o outro documento, prevese que o reitor comunique o 31 de xullo á comunidade universitaria o escenario que será aplicable ao inicio do vindeiro curso.

Respeito da planificación académica, e dada a singularidade e diversidade dos diferentes centros da universidade, o informe recomenda que cada escola e facultade elabore un único horario que permita a adaptación aos diversos escenarios. A data límite para a publicación destes horarios nas páxinas web dos centros será o 3 de xullo.

Tamén se recomenda que, na medida do posible, a impartición da docencia para cada curso se desenvolva na mesma aula co fin de minimizar o movemento de persoas nas instalacións, ademais da delimitación dunha franxa intermedia en cada aula, dependendo da intensidade do seu uso ao longo do día, para facilitar os labores de limpeza e hixienización, así como medidas que eviten aglomeracións no acceso e saída do centro. C.B.

29 jun 2020 / 22:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito