Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ESTALEIROS

Reclaman a subrogación do persoal de mantemento do naval de Ferrol

Os operarios da UTE que fai o servizo temen que a futura empresa prescinda deles

Ante a falta de novos contratos nos estaleiros da ría de Ferrol, o traballo das auxiliares só se estabiliza na eólica mariña, reparacións ou o propio mantemento das instalacións. Pero neste último servizo, os 57 operarios teñen medo a perder os seus postos. Dependen da UTE formada por Tecman e Electrorayma, que tiña un contrato por catro anos. Pero esta alianza decidiu renunciar ao servizo, tras só dous anos. A finais deste mes de setembro, Navantia terá que resolver o concurso para decidir cal será a concesionaria do mantemento. O convenio provincial do metal acorda a subrogación do persoal nestes casos. Pero os implicados non se amosan confiados.

Nunha rolda de prensa ofrecida este mércores polo comité da UTE, xunto coas Federacións de Industria de CIG e CCOO, reclamouse que “a subrogación dos traballadores se produza con total naturalidade e se manteñan a totalidade dos postos”. Tecman e Electrorayma mesmo poden optar a este concurso, dividido en varios paquetes como se fixo anteriormente. Pero no caso de que gañen outras empresas, hai medo a que sexan contratadas outras persoas ou a que se modifiquen as condicións laborais. De producirse esa situación, habería mobilizacións.

Sergio Martínez Luaces, da Federación de Industria da CIG (a rolda celebrouse no local ferrolán do sindicato), recalca que “este contrato é moi apetecible porque a día de hoxe a carga no resto da área das auxiliares é nula”. O mantemento encárgase de supervisar o estado dos estaleiros, incluídas as grúas e a sección de turbinas, tanto en Ferrol como en Fene. E tanto o comité como o resto dos representantes sindicais esixen a Navantia que “na adxudicación do novo contrato se garanta a continuidade da totalidade da plantilla actual da UTE”.

Sobre os motivos do xerente da UTE, José Ramón Franco, para renunciar a partir de setembro, o persoal non atopa explicacións. Pero si que lembra que “esta plantilla ten o dereito á subrogación, como ven recollido no convenio colectivo da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña... un dereito ao que non imos renunciar”. De feito, o persoal xa foi subrogado hai dous anos xa que pertencía á unión temporal formada por Ferrovial e Elinco. A maior parte dos operarios se integraron na nova UTE, “e un grupo máis reducido pasou a formar parte de Indasa”, indican.

FOLGA NO PASADO Ademáis, os sindicatos recordan que “nove traballadores de Tecman e Electrorayma foron obxecto dun intento de despedimento por parte da empresa”. O resto dos empregados responderon “de modo firme e cunha folga indefinida durante moitos días, o que fixo recuar ao empresario”.

Agora son 57 operarios neste servizo, “pero catro ou cinco solicitaron a xubilación voluntaria e os seus postos nunca se cubriron”. As centrais sindicais tamén piden a Navantia “que nas propias condicións do prego apareza o número de traballadores por cada paquete, pero sobre todo queremos poñer o foco de atención sobre a necesidade de que se produza esa subrogación”.

09 sep 2020 / 19:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.