Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
persoas autónomas. Unha vez máis, APE Galicia pon en valor o traballo das persoas autónomas da nosa comunidade, un sector que está sufrindo de primeria man, especialmente nos últimos anos, as sucesivas crises e recesións, e que continúa loitando cada día para manter os seus negocios TEXTO E.N.

Recoñecemento ao traballo ben feito

Nun momento de especial dureza para as pequenas empresas, no que vemos como cada vez a comunidade perde máis e máis autónomos a cada mes que pasa –de media, cada día de setembro na nosa comunidade déronse de baixa 20 afiliados– a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas (APE) de Galicia continúa co recoñecemento a estes traballadores na duodécima edición do seu xa tradicional Congreso das Persoas Autónomas de Galicia.

Trátase dun evento co que a asociación pretende visibilizar e homenaxear o labor e o éxito dos traballadores autónomos que, moitas veces, tal e como indican, é invisible para a sociedade, e que nestes momentos de crise e recesión gaña un significado especial, recoñecendo o grande esforzo que estas persoas levan a cabo como unha parte fundamental do noso tecido empresarial.

José Luis Corujo Grandela (1951, Lugo), de talleres Eleccorujo, foi o primeiro galardoado neste XII Congreso por unha vida enteira adicada ao mundo do automóbil, no que comezou con tan só 14 anos. Foi en 1977 cando montou, xunto ao seu irmán Alfredo, o taller ‘Electricidad del Automóvil Hnos. Corujo’, ata que en 1995 continuou solo na actividade baixo o nome de Eleccorujo S.L.U.

O segundo galardón foi para José Antonio Rodríguez Araújo (1959, Ourense), de carrocerías Digal, que, xunto a seu irmán, leva adicándose á fabricación e transformación de carrocerías e furgonetas en vehículos frigoríficos e refrixerantes dende os anos 60. Destacan dende a asociación “a ilusión e o traballo ben feito destes dous irmáns que deron lugar a unha empresa competitiva en continuo crecemento” que a día de hoxe conta cunha nave en Ourense e outra na Coruña.

Alejandro Gómez-Ulla foi o terceiro premiado este ano, sendo a cuarta xeración á fronte da emblemática farmacia compostelana Gómez-Ulla, fundada a finais do século XIX. Destacan dende APE Galicia a adaptación deste establecemento centenario ao salto dixital, sendo unha das farmacias españolas con maior repercusión na rede social Instagram, na que ten máis de 34.000 seguidores.

A marinense Adolfina Cabaleiro (1964, Marín), de Adega de Ardán, foi quen recibiu o cuarto galardón desta duodécima edición, por ser “unha muller cunha vida e traxectoria que estiveron marcadas pola súa enteira dedicación ao mundo da viticultura e das bodegas”, segundo salientan dende a APE. Esta traballadora do Hospital de Montecelo, que sempre tivo a ilusión de poder etiquetar o viño que se facía na casa de forma tradicional e formar unha bodega familiar, puxo en marcha o seu soñado proxecto en 2012: a Adega de Ardán. Asemade, fundou Pilares de Belesar S.L.U., logo de mercar unha propiedade en ruínas cunha adega na Ribeira Sacra.

En quinto lugar, APE Galicia escolleu galardoar a María Eugenia Silva Tarela, da Cofradía de Raxó. Trátase dunha muller que levaba trece anos traballando como tecedora pero que, por mor da crise, viu como perdía o seu posto de traballo. Malia todo, tal e como recoñecen dende a asociación, “Silva non se rendeu” e entrou no mundo do marisqueo e da pesca, no que xa leva máis de 10 anos. “Unha actividade moi dura que debido as sucesivas crise está a ser cada vez máis demandado e que, segundo algunha das persos que se dedican a ela, acaba xerando certo enganche”, indican.

A sexta premiada foi Minia Rodríguez García (1953), de Transportes RG, “traballadora nun sector especialmente difícil para as mulleres”. Rodríguez comezou neste mundo co seu pai transportando leite do xeito máis tradicional, cun burro e caldeiretas. Segundo ela mesma indica, pouco a pouco e con moito esforzo e sacrificio conseguiu cambiar un burro por un coche e así foi como comezou a traballar para a cooperativa gandeira Feiraco, agora CLUN.

Un galardón para unha “autónoma loitadora” pola súa capacidade de adaptarse “a pesar da complexidade dos tempos”, salientan dende a asociación, e que agora deixa a súa empresa nas mans da súa filla.

O derradeiro dos sete premios foi para a familia Ramírez, de Construcciones Ramírez, a construtora máis antiga do rexistro de contratistas da Xunta. Un recoñecemento “pola súa traxectoria familiar dedicada ao sector da construción durante os últimos 94 anos”, e que foron capaces “de manter durante todo este tempo os mesmos valores e a mesma forma de traballar”.

Asemade, dende AP Galicia tamén optaron por facer un recoñecemento a título póstumo para Magín Froiz Planes (Huesca, 1943 – Pontevedra, 2022), pola súa traxectoria profesional e en agradecemento ao seu compromiso e colaboración coa nosa entidade”, indican. Trátase do fundador do grupo Distribuciones Froiz, no que el mesmo traballa como carniceiro cando aínda era un pequeno supermercado. Hoxe en día trátase dun dos máis relevantes do país, que con 336 puntos de venta e 6.200 traballadores, está situado entre as primeiras vinte empresas do sector con presencia en España e Portugal.

Finalmente, a mención especial este ano foi para o Consorcio da Zona Franca de Vigo, que traballa dende 1947 para “potenciar o comercio internacional e o desenvolvemento económico”, sendo o principal promotor de infraestruturas empresariais e xestionar un volume de activos de 520 millóns de euros.

Así, APEGalicia da unha vez máis voz e protagonismo a eses autónomos e autónomas que traballaron toda a súa vida para poder sacar a flote e adiante os seus negocios, nun sector especialmente golpeado polas sucesivas crises que atravesamos.

14 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.