Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reforzo para os programas sociais e de axuda no fogar

A Deputación da Coruña sobe ata oito millóns as partidas nos orzamentos do vindeiro ano

A Deputación da Coruña volve a incrementar o orzamento do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, que en 2021 sobe de sete a oito millóns de euros, o que permitirá “reforzar a protección social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia e axudarlles a facer fronte aos efectos da pandemia”, explicou o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso.

A Deputación acaba de publicar no BOP as bases da convocatoria 2021 deste programa, ao que poden concorrer todos os concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes e que se destina a financiar a contratación de persoal técnico e administrativo especializado na área de Servizos Sociais, así como os servizos de axuda no fogar.

Con cargo a este programa este ano se contrataron directamente 170 profesionais e se financiaron 291.000 horas de servizo de axuda a domicilio, que dan emprego a máis dun centenar de persoas nun servizo esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos.

En total, unhas 280 persoas atenden as necesidades sociais dos concellos con cargo ás axudas provinciais, unhas cifras que se verán incrementadas en 2021 grazas a esta suba do 15% no orzamento.

“Somos conscientes do gran esforzo que supón para os pequenos concellos contar cun cadro de profesionais especialistas no eido social, por iso seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio”, afirmou González Formoso, que lembrou que nos últimos catro anos o seu goberno duplicou o orzamento desta liña, que pasou de 4 a 8 millóns de euros anuais.

“Os profesionais que axudamos a contratar son os que buscan solucións aos problemas diarios das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles, os que atenden nas casas aos maiores e dependentes...”, engadiu o presidente provincial, que salientou ademais que moitos municipios viron incrementada a carga de traballo dos seus servizos sociais debido á crise provocada polo coronavirus.

Según os cifras que ofreceu a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o incremento orzamentario permitirá o vindeiro ano superar as 300.000 horas anuais.

18 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.