Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rexedoras españolas súmanse a prol da igualdade na Coruña

Nas 8.131 entidades locais do país as mulleres supoñen un 40% do total das corporacións // En alcaldías esta cifra baixa ao 21%

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, deu lectura esta xoves á Declaración de María Pita, un texto acordado entre as alcaldesas de urbes españolas capitais de provincia e máis de 100.000 habitantes co obxectivo de traballar pola igualdade dende os seus concellos.

Dita lectura realizouse nun acto no salón de plenos do Palacio de María Pita, ás 13.00h, ao que estaban convidadas as alcaldesas de Galicia ademais das alcaldesas españolas asinantes, como símbolo de unidade entre o liderado feminino. Neste senso, Rey foi a encargada de dar lectura á Declaración tras a sinatura das rexedoras presentes, nunha cerimonia que tivo lugar no salón de plenos, acompañada de todas as mandatarias asistentes así como de membros da corporación municipal.

O acto foi a primeira parada do I Encontro de Alcaldesas, “El poder de hacer las cosas bien”; promovido dende o Concello da Coruña co obxectivo de debater e reflexionar sobre o rol das mulleres nas institucións. Ademais da lectura da Declaración de María Pita, o Concello da Coruña organiza unha xornada de debate que se levou a cabo a pasada tarde en Palexco, a partir das 17.00h, na que estiveron presentes as rexedoras invitadas ao evento así como outras mulleres referentes en distintos ámbitos da política.

Entre elas, como exemplo, asistiu a ministra de Política Territorial e Voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, que estivo dialogando con Rey.

A Declaración de María Pita é un primeiro documento que pretende amosar o compromiso das mulleres á fronte das corporacións locais cos obxectivos da axenda feminista. Especialmente, a aposta á promoción da igualdade dende o eido local e a visibilización das mulleres na vida pública, fomentando a súa representatividade como referentes para mulleres e nenas.

Tal e como sinalan os datos, a presenza de mulleres nas corporacións municipais segue sendo minoritaria. Nas 8.131 entidades locais do estado español as mulleres supoñen un 40% do total das corporacións, mentres que no tocante a alcaldías, a cifra diminúe ata un 21%. Deste xeito, a través desta Declaración de María Pita, as alcaldesas comprometéronse a traballar por reverter estas cifras no eido local e dende as súas correspondentes organizacións para acadar o mesmo obxectivo en todas as Administracións.

O antedito documento asinárono Inés Rey (alcaldesa da Coruña), Natalia de Andrés (Alcorcón), Amaia del Campo (Barakaldo), Noelia Arroyo (Cartaxena), Amparo Marco (Castellón),Eva María Masías (Cidade Real), Ana González (Xixón), Sara Hernández (Xetafe), Núria Marín (Hospitalet de Llobregat), María del Carmen Sánchez (Xerez da Fronteira), Lara Méndez (Lugo), Noelia Posse (Móstoles), Marta Farrés (Sabadell), Nuria Parlón (Santa Coloma de Gramanet), Clara Isabel Luquero (Segovia), Emma Buj (Teruel) e Milagros Tolón (Toledo).

participación dos pequenos concellos
galicia moi presente

··· Tras ler da Declaración de María Pita, que asinaron as 16 rexedoras de urbes españolas de máis 100.000 habitantes ou capitais de provincia, Inés Rey convidou ás alcaldesas galegas de concellos máis pequenos, presentes tamén no salón de plenos, a adherirse ao escrito.

··· As rexedoras que se sumaron presencialmente á Declaración foron Cristina Cid (alcaldesa de Allariz), Alejandra Pérez (Bergondo), María Barral (Betanzos), Sandra Insua (Camariñas), Sara Inés Vega (Castro Caldelas), Margarita Lamela (Cee), María Sol Morandeira (Guitiriz), Marián Ferreiro (Narón), Noelia Rodríguez(Ribadavia), Verónica Tourón (Salceda de Caselas), Patricia Domínguez (A Pobra de Trives), María Elba Veleiro (Vilalba), Mónica Rodríguez (Vimianzo), María Loureiro (Viveiro) e Elvira Lama (alcaldesa de Xinzo de Limia).

20 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.