Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
GRAVE SITUACIÓN

Ría de Ferrol: a peor caída do marisqueo en toda Galicia

Hai catro anos, unha operaria podía recoller 10 kilos de ameixa babosa cada día // E agora só 250 gramos

Sobre a ría de Ferrol asómanse os altos edificios de Caranza, a grúa pórtico da antiga Astano, as cegoñas da vella Bazán... E tamén as lanchas dos mariscadores, cada día máis escasas, cada día máis sacrificadas. As confrarías de Barallobre (Fene), Ferrol e Mugardos denuncian que xa non poden máis. Teñen 270 traballadores asociados, pero só logran faenar menos de 100. O impacto do patóxeno Perkinsus pero tamén os lodos e recheos acumulados durante décadas provocan unha caída de ata o 90% da produción, nos últimos catro anos. É o descenso máis grave, con diferencia, de todo o litoral galego segundo os afectados.

Desde este venres, iniciouse unha quenda de protestas cunha concentración ante o edificio da Xunta en Ferrol. Repetirase o día 15, e o 22 haberá unha caravana de coches pola comarca desde Narón ata Mugardos. A patrona maior de Ferrol, Isabel Maroño, pon o exemplo do que está pasando: “Hai catro anos, as mariscadoras podían coller nun día 10 quilos de ameixa babosa por cabeza... a semana pasada as capturas eran de 250 gramos”. O patrón maior de Barallobre, Jorge López, engade que “hai catro anos tíñamos un stock na ría de 70.000 quilos de ameixa, e agora non quedará nin o 10%”. E destaca que “a culpa non só é do Perkinsus, senón que tamén están os recheos e os lodos de tantas décadas... a xente xa non quere traballar así, cada vez somos menos e moitos buscaron outras saídas fóra do marisqueo”.

Como indica o colectivo, “para o prazo inmediato reclamamos por parte da Consellería de Mar algunha medida que permita descansar aos bancos marisqueiros e sobrevivir aos mariscadores, e tamén que se realicen analíticas de todas as especies para calibrar o alcance da infección do Perkinsus”. Nese sentido, a Mancomunidade de Concellos da Ría encargarase de financiar as probas das mostras, para determinar se o patóxeno tamén afecta á ameixa fina, o berberecho, a ameixa roxa ou outras especies. As confrarías consideran que o Perkinsus poderían estar afectando a todo o ecosistema da ría, e non só ao banco das Pías. Como indica Maroño, “As Pías é como a nai do resto da ría, cando nese banco non hai marisco tampouco haberá en Mugardos”.

As novas mobilizacións obedecen a que “vivimos unha situación límite, non temos case recursos produtivos e polo tanto os ingresos son case nulos... faltan solucións da administración competente”. Atrás quedan as reunións coa Consellería de Mar. Na súa última visita a Ferrol, a conselleira Rosa Quintana indicou que a Xunta ten un proxecto de recuperación de 800.000 euros: “Nós cumprimos con todo o prometido nas reunións, pero nos gustaría ter o estudo do Cedex (Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas, que depende do Ministerio de Fomento) sobre sedimentos xa prometido hai dous anos,”. No que respecta ás investigacións autonómicas na ría de Ferrol, a conselleira indicara que “nós só detectamos o Perkinsus, que pode ser unha causa do descenso da produción na ría”.

Tamén o patrón de Mugardos, Jesús Pérez, incide en que “moitas familias poderían vivir deste sector e por iso buscamos unha solución”. Nese sentido, Jorge López apunta que “somos outra gran empresa que pode desaparecer da comarca”. E Isabel Maroño sinala que desde que a Xunta declarou as augas como zona B “aumentaron curiosamente os problemas e non as solucións”. Reclámanse axudas para todo o colectivo, “porque tal e como propoñía Mar só poderían beneficiarse dúas persoas de cada pósito”.

Na protesta estiveron representantes do BNG, que piden “un estudo da Xunta para a limpeza dos fondos da ría, eliminar as barreiras artificiais existentes que impiden a súa rexeneración e que o Goberno central transforme o sistema de saneamento a unha rede separativa”.

09 oct 2020 / 18:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.