Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Roi Cuba Dorado Presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega)

Roi Cuba, presidente de Adega: “O modelo de macroproxectos eólicos é unha ‘desplanificación”

Cando chegue a caducidade dos encoros veremos a recuperación dos nosos ríos. Vai ser sorprendente a súa capacidade de resiliencia. Esta será a loita das próximas décadas

O presidente de Adega leva menos dun mes no cargo pero acumulaba xa dous anos no cargo de vicepresidente. Compostelán de nacemento (“foi circunstancial”, di el), este licenciado en Bioloxía pola Universidade de Vigo síntese lucense e considera unha honra que o escolleran para capitanear a asociación. Ademais, non quere deixar pasar a ocasión para dar as grazas á súa predecesora, Virxinia Rodríguez, que nos seus 12 anos á fronte de Adega sentou as bases para os cambios que comezan.

Desde cando leva en Adega?

Fíxenme socio no 2013, pero xa participara nalguna actividade de voluntariado. Comecei na delegación de Lugo, fun membro da súa directiva e despois xa pasei a Adega nacional.

Cantos socios ten Adega?

Case 1.200, e un dos nosos obxectivos é seguir medrando porque cantos máis sexamos máis capacidade e autonomía para levar a cabo os nosos proxectos e máis forza nas nosas reivindicacións.

Adega marcouse cinco liñas estratéxicas, e se lle parece iremos debullando cada unha delas. Comezamos co tema forestal?

O problema máis grande da biodiversidade en Galicia desde hai anos é a eucaliptización, a ocupación de gran parte do territorio por unha especie exótica e invasora. Estase utilizando principalmente para facer celulosa, pero constantemente saen ameazas de novos proxectos como usalos para facer biomasa ou viscosa, que pretende sacar a Xunta para darlle saída a todas as plantacións de eucaliptos, e parece que queren potencialo. Sacaron a moratoria neste aspecto, pero ao anunciala provocou que se plantaran moitos máis nun curto periodo de tempo.

Cal é a aposta de Adega?

Temos claro que o monte ten que ser multifuncional. Hai lugar para a explotación de madeira, pero haberase que focalizar en especies autóctonas. Tamén nos preocupa a privatización dos montes en man común, as constantes agresións. Tratamos de sustentar o traballo reivindicativo con outro educativo e divulgativo, e nel esta fin de semana fixemos un campo de voluntariado no río Tea sobre eliminación de especies exóticas e invasoras, sobre os seus efectos negativos, e dando a coñecer os valores.

Sobre a liña da eólica, máis actual agora, que nos pode dicir?

É unha enerxía renovable, que defende Adega, pero teñen que ser aceptables, non a costa de terribles pérdidas. Agora nos atopamos cunha avalancha de macroproxectos eólicos, outra presión sobre os montes, cun modelo de planificación que realmente é unha desplanificación, ao servizo de grandes empresas, moitas veces con intereses especuladores. Están propoñendo uns parques sen ter en conta á sociedade, o impacto sobre a terra onde se instalarán e sen deixar apenas as migallas dos beneficios económicos. Nestes novos eólicos falamos de aeroxeradores de 200 metros de altura. E non é so o impacto do xerador, temos que ter en conta as liñas de evacuación, as pistas que van fragmentar as comunidades vexetais e a conectiviade dos hábitats. No fondo estamos renunciando con estas instalacións tan aparatosas; é levar a industria ao monte, pero xerando moi poucos postos de traballo e destrozando moito máis. Consideramos que a enerxía ten que se xerar nos sitios onde se vai consumir, así evitariamos o transporte e segmentar o territorio.

Estamos vendo que houbo resposta social onde se pretende instalar estes aeroxeneradores, un moi bo exemplo as mil personas que asistiron á mobilización contra o parque da serra da Groba. Adega pretende dar unha resposta a nivel galego para tumbar este modelo de enerxía.

Moi relacionado co anterior está a liña da soberanía enerxética.

Claro. Queremos ter a capacidade de decisión, que a enerxía que se produza repercuta beneficiosamente sobre Galiza e sobre as comunidades locais.

E no tocante á custodia do territorio e á restauración ecolóxica, en que consiste a proposta de Adega?

A custodia do territorio é un programa no que se chega a un acordo coa persoa propietaria dunhas terras para no seu terreo facer actividades de educación ambiental e tratar de conservar os valores naturais e, incluso, rexeneralos. Levamos tempo participando con outras organizacións no Foro de Redes e parécenos importante falar tamén de restauración porque a custodia está afianzada desde hai anos, sobre todo na eira da Xona, na Agol; no couto da Igrexiña, Cerdedo-Cotobade, e no monte da Fraga nun proxceto compartido coa Universidade da Coruña. O novo obxectivo é amplialos a máis zonas e vincular máis a socios e socias. É un dos proxectos que a min máis me gustan. Podemos facer charcas para anfibios, actividades con crianzas facendo caixas niño para aves e morcegos, inspeccións de ríos...

A última liña estratéxica que se marca Adega é a da formación ambiental. Fáleme dela

Neste caso referímnos a un tema máis interno, da propia asociación, para formarnos nós mesmos e traballar o que queremos transmitir á sociedade en temass de crecemento, ecofeminismos... movementos novos. É para estar actualizados, educados, e poder transmitilo.

Cales son os proxectos máis inmediatos a desenvolver, aparte do que xa explicou do río Tea?

Estamos na campaña de primavera do Proxecto Ríos, son campañas de inspección nas que nos achegamos por grupos a un treito de 500 metros dun río, que inspeccionamos para ver como vai evolucionando, que impactos poder ter... e entre todos os grupos e os treitos sacamos o estado de saúde do río e a súa evolución ao longo do tempo. Estamos en arredor de 400 ríos en toda Galiza, pero queremos potenciar o traballo en Lugo e Ourense. Así, desde hai arredor de 15 anos estamos a recoller moitos datos e vemos cal é a evolución destes ríos e tamén adiantarnos aos posibles impactos que poidan recibir. É ciencia cidadá.

E con nenos, que actividades fan?

Co equipo fantástico de educación ambiental, facemos visitas aos colexios, actividades de limpeza de praias e ríos, e fomos pioneiros en Galiza facendo proxectos de compostaxe para as escolas. Ensinamos os seus beneficios.

Cal é o principal problema que ten Galiza agora para Adega?

O dos proxectos eólicos, temos que frealos como sexa. Pero tamén os encoros. Cando se intalaron os grandes foi un gran desastre ambiental para Galiza e cando chegue a súa caducidade teremos que ver o seu desmantelamento e veremos a recuperación dos nosos ríos, da fauna e pesca que vamos recuperar, dos servizos que nos poden dar. Vai ser sorprendente a capacidade de resiliencia dos nosos ríos. Esta será a loita das próximas décadas.

24 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.