Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

San Ramón e Busqué presentan os seus proxectos para Podemos coa mirada posta no Parlamento

Os líderes de Tecer e Rexurdir Podemos expoñen a súa idea de partido ante os militantes na IV Asemblea Cidadá Galega

Borja San Ramón, cabeza de lista de Tecer Podemos, e Gonzalo Busqué, líder da candidatura Rexurdir Podemos presentaron onte os seus respectivos proxectos organizativos para Podemos Galicia coa mirada posta no Parlamento da comunidade, onde aspiran a devolver á formación.

Os dous candidatos acudiron á IV Asemblea Cidadá Galega, celebrada o día onte en Santiago de Compostela e onde -xunto a outros compañeiros- expuxeron e debateron ante os militantes da formación a súa idea de partido.

Para Borja San Ramón, líder de ‘Tecer’, esta asemblea “non é o final das primarias, senón o comezo” e supón outro paso para que a formación “estea preparada para o próximo ciclo político e poida afrontar os retos coas máximas garantías”.

“O obxectivo de Tecer Podemos é aumentar os concellos de esquerda neste país”, asegurou San Ramón, que incidiu na meta da súa candidatura de “conseguir candidaturas no máximo número de cidades e pobos deste país e que iso nos sirva de acicate para preparar un proxecto que nos sirva para volver á Xunta e ao Parlamento de Galicia”.

O actual secretario de organización amosouse “convencido” de que sen eles na Cámara galega “non vai haber cambio político neste país”. “Creo que é un día para abrir un novo tempo e para que Podemos Galicia volva onde ten que estar”, incidiu o candidato e líder de ‘Tecer’.

Respecto do seu proxecto, avanzou que continuarán traballando na mesma liña destes pasados anos. “Recollemos unha organización en 2018 con seis círculos e aumentámolos por decenas. Nas últimas primarias municipais presentáronse case 200 persoas de toda Galicia en 50 concellos”, explicou.

APOIO DE MONEDERO A REXURDIR. Preguntado polo apoio do fundador de Podemos, Juan Carlos Monedero, á candidatura de Busqué, San Ramón lembrou que na súa lista está Verónica Hermida, “que está no executivo de Ione Bellarra”.

“Eu preséntome a coordinador de Podemos Galicia e o que me interesa é preparar un proxecto para Galicia, para volver ao Parlamento. Temos o apoio da maioría de candidatos ás municipais, dos círculos da organización, e a min é o apoio que me importa, que é para o que me presento”, resolveu.

Pola súa banda, o número un de ‘Rexurdir Podemos’ cualifica de “ilusionante” contar co apoio do ex dirixente da formación morada. “Dinos que estamos no bo camiño. O recoñecemento de Juan Carlos Monedero é o recoñecemento a unha liña política de cambio”, sinalou.

Asemade, Gonzalo Busqué quixo aproveitar para salientar que a súa proposta representa o “cambio necesario” para Podemos Galicia. “Fai falta cambiar un futuro que se parece moito á escuridade. Temos que levar un camiño de esperanza e contar coa xente que deu vida a Podemos. Teñen que prevalecer as ideas sobre os intereses persoais”, argumentou.

Segundo apuntou o candidato e líder de ‘Rexurdir’, a formación está ante “un momento transcendental” no que é preciso unha renovación, “non de caras, senón de ideas”.

Ademais, Busqué indicou que aposta por acabar co “trampantojo” que fai a outra candidatura “ao expor cousas que non son reais”. “Falan de moitos círculos pero só están o papel. Vimos aquí para cambiar esta realidade e ter un futuro para Podemos Galicia”, afirmou.

UNIRSE AO PROXECTO DE YOLANDA DÍAZ. Por último, o candidato e líder de ‘Rexurdir’ tamén abordou a posibilidade de concorrer xunto a outras formacións a futuros comicios, como farán na Coruña xunto a Esquerda Unida. Busqué mostrouse favorable a confluír, “sempre que non supoña a desaparición de Podemos”.

Nesta liña, quixo asegurar que “sempre estaremos de acordo coa unión da esquerda, pero esa unión non pode significar a desaparición de Podemos como organización. E iso inclúe tamén as eleccións autonómicas e as nacionais”, deslizou.

Ao fío disto, matizou que “non se trata, só, dunha mensaxe para Yolanda Díaz, que está aí porque a puxo Podemos”. “Temos moita ilusión en que sexa unha candidatura que sume, e que non reste, e para sumar, temos que estar aí”, aseverou finalmente o líder de ‘Rexurdir’.

11 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito