Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 07 diciembre 2022
21:28
h

Santiago conquista os premios PEL da Deputación da Coruña

Diversa Technologies, Infonet e Compostela Monumental, vencedoras desta edición, son da capital galega// Percibiron, por gañar, 20.000 euros cada unha

O teatro Jofre de Ferrol acolleu, na tarde de onte, a gala, presentada pola ferrolá Paula Vázquez, da V edición dos premios PEL (Plan de Emprego Local ) organizados pola Deputación da Coruña. Con estes galardóns, a institución provincial quere recoñecer ás mellores empresas, asociacións e clústers empresariais de toda a provincia coruñesa mentres aposta polo seu desenvolvemento económico e laboral.

Diversa Technolgies, Infonet e a asociación de empresarios Compostela Monumental foron as gañadoras desta nova edición dos PEL. Ademais, recoñeceuse, con accésits –un premio inmediatamente inferior ó gañador–, o proxecto cultural AcercArte de Ferrol, a empresa Equipos Lagos, e a asociación de empresarios de Agrela da Coruña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presidiu o acto de entrega dos galardóns e asegurou que estes premios recoñecen o talento e a innovación das pemes e persoas autónomas da provincia. Todas elas, “co seu esforzo e labor diaria contribúen á reactivación económica que tanto necesitamos nun escenario económico adverso, crean emprego e permiten que A Coruña siga a ser o motor económico de Galicia”, aseverou o mandatario durante o seu discurso.

Asemade, Formoso destacou a calidade das 62 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías. Ademais, fixo fincapé en que son “unha excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia para continuar innovando, apostando polo talento da nosa xente e liderando a creación de proxectos empresariais de éxito”.

Con todo, o presidente da Deputación tamén mostrouse orgulloso polo logrado polo PEl xa que “permitiu a 4.500 persoas incorporarse ao mercado laboral e a máis de 3.000 emprendedoras e emprendedores da provincia facer realidade as súas ideas de negocio”. A isto engadiu que é necesario que as administracións se implican en plans coma o PEL, xa “que suman os esforzos dos sectores público e privado para dar solución ao principal problema deste país: o desemprego”.

60.000 euros en premios para as gañadoras. As empresas e entidades gañadoras de cada categoría recibiron un premio en metálico por importe de 20.000 euros.

Pola súa banda, Diversa Technologies recibiu o premio na categoría de mellor iniciativa empresarial nova. Esta spin-off biotecnolóxica compostelá, nacida no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, é prestadora dun servizo innovador no transporte das moléculas. Un equipo de 14 persoas, dirixido por María de la Fuente, desenvolveu unha tecnoloxía pioneira no mundo no eido da bioloxía molecular e a nanomedicina, que está xerar importantes avances terapeúticos e abrindo novas esperanzas e vías de investigación en campos coma a oncoloxía, as enfermidades metabólicas ou as autoinmunes.

Por outro lado, Informática e Networking Compostela (Infonet), resultou galardoada na categoría de mellor iniciativa empresarial consolidada. Esta é unha empresa compostelá de servizos e solucións tecnolóxicas, especializada en cloud computing, consultoría IT e sistemas. Ademais cabe destacar que é a primeira proveedora de nube dixital privada 100% galega e que conta cunha política de RSC arraigada. Infonet converteu en realidade o soño do fundador da empresa, Rafa Villaverde, de apostar polo talento local para crear solucións tecnolóxicas de vangarda desde Galicia.

Na terceira categoría, a Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais Compostela Monumental recibiu o premio a mellor asociación empresarial, pola súa labor dinamizadora do comercio local, o turismo e o patrimonio da zona centro de Santiago ao longo de 30 anos, pola infinidade de proxectos levados a cabo, así como por todos os logros e fitos acadados tanto a nivel nacional como internacional.

As segundas clasificadas tamén levaron cartos. A pesar de non conseguir vencer, as segundas clasificadas levaron uns cuantioso premios en metálicos. Isto supuxo a principal novidade desta edición, xa que otorgouse 5.000 euros a cada unha das medallas de prata de cada categoría, debido a que o xurado destacou o alto nivel das candidaturas presentadas.

A ferrolá Eva Cayetana Somolinos Olmo, co seu proxecto cultural e empresarial AcercArte, recibiu o accésit na primeira categoría por tratarse dunha idea empresarial innovadora na que se combina arte, música e pintura fusionadas coas novas tecnoloxías, ofrecendo unha experiencia sensorial diferente á sociedade.

Pola súa banda, a empresa familiar Equipos Lagos S.A., integrada por un amplo equipo de máis de 170 profesionais con presenza en 26 países, exporta, dende o polígono de Bergondo, solucións de pintura e tratamento de superficies para o sector aeronáutico, do automóbil, do ferrocarril, das enerxías renovables e da industria en xeral, recibiu o accésit na categoría de empresa consolidada.

Na categoría de mellor asociación empresarial, o accésit recaeu na Asociación de Empresarios de Agrela, o parque empresarial máis antigo de Galicia. Esta agrupación recibiu o segundo premio pola súa traxectoria, pola súa envergadura –acolle a máis de 555 empresas–, polo impacto na súa área de actuación e pola posta en valor do polígono que lle da nome.

Homenaxes. A Deputación da Coruña, neste espléndido acto que contou coa presencia do vicepresidente provincial, Xosé Regueira, do deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, do alcalde de Ferrol, Ángel Mato e do presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos representantes do mundo empresarial e asociativo da provincia da Coruña, tamén quiso recoñecer o labor dos xornalistas e dos medios de comunicación que contribúen a difundir o potencial económico de Galicia e das súas empresas.

Por ese motivo, para esta V edición dos premio PEL, decidiron homenaxear a Julián Rodríguez, director de Economía Digital Galicia e Gonzalo Cortizo, director de El Diario.es Galicia e adxunto ao director de El Diario.es.

27 jul 2022 / 22:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito