Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 07 febrero 2023
06:05
h

Servizos públicos, feminismo e sustentabilidade: o Bloque vai “a por todas” nestas municipais

Os nacionalistas deron a coñecer onte o programa electoral co que se presentarán aos comicios no vindeiro 28 de maio de 2023

Un urbanismo “sustentable”, unha xestión “transparente”, a defensa dos servizos públicos “con uñas e dentes” e unha aposta pola lingua galega, pola cultura propia e pola igualdade entre mulleres e homes. Estes son algúns dos eixos do programa marco co que o BNG se presentará ás eleccións municipais do 28 de maio de 2028.

Trátase dun documento aprobado este sábado nunha reunión do Consello Nacional, celebrado no Hotel Congreso de Teo (A Coruña). Ante os integrantes deste máximo órgano dirección do partido entre asembleas, a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, proclamou que van “a por todas” nos comicios locais, co convencemento de que serán a forza que máis creza en apoios nesta cita que será a antesala para “abrir un tempo novo” no goberno da Xunta.

“O noso modelo nos concellos é o da eficacia na xestión, transparente e participativo, igualitario e feminista, un modelo sustentable e capaz de xerar dinamismo económico. Así é o modelo municipal do Bloque Nacionalista Galego, concellos que defenden os servizos públicos con uñas e dentes, orgullosos dos nosos sinais de identidade e capacidade de transformar en positivo”, resumiu Pontón, sobre as liñas mestras do programa dos nacionalistas.

Tomando como exemplo municipios onde gobernan, a portavoz nacional asegurou que demostran que teñen “unha alternativa capaz de mellorar a vida das persoas”. “Por iso, saímos a por todas nas próximas eleccións municipais, sen pornos límites, para multiplicar o número de concelleiros e concelleiras, de alcaldes e alcaldesas, para conseguir máis BNG nos concellos”, manifestou.

“A DURÍSIMA SITUACIÓN” DA MAIORÍA SOCIAL. No plano socioeconómico, Ana Pontón encomiou a capacidade de xestión dos gobernos municipais nacionalistas nun escenario de crise “no que cada euro conta” para paliar “a durísima situación que vive a maioría social” coa subida dos prezos, que crecen a unha velocidade maior que os salarios e as pensións galegas.

“E neste contexto temos a unha Unión Europea actuando como marioneta dos Estados Unidos, empeñada na vía militar como única saída á guerra en Ucraína, adoptando sancións que a quen máis prexudican é aos propios Estados europeos e ás súas cidadanías”, censurou Pontón, para aseverar que os máis beneficiados son as multinacionais de alimentación e enerxía, que “se forran especulando con bens básicos”.

Non en balde, a líder da formación nacionalista aproveitou para criticar a falta de alternativas “eficaces e valentes” por parte das forzas de esquerdas, que son “incapaces de frear a deterioración das condicións de vida da maioría social”, que tamén impacta nos galegos.

“ABARATAR A FACTURA DA LUZ” EN GALICIA. En canto ao sector da enerxía, a portavoz nacional do Bloque cargou contra ese “centralismo” que “impide” que unha Galicia “rica en electricidade poida usar esa riqueza para abaratar a factura da luz” na Comunidade.

“Ao contrario, vemos a alianza de PP e PSOE para acelerar o ‘boom eólico’ depredador e vemos tamén un PP que goberna para unha minoría, que se abraza ás eléctricas, que fai agasallos a unha presa de millonarios cun pelotazo fiscal, que segue adiante coa súa política de recortes e privatizacións da sanidade pública, incluso pondo en risco a saúde das persoas”, esgrimiu.

Por iso, Pontón animou á cidadanía a mobilizarse nas manifestacións que o BNG convocou para o próximo 18 de decembro en Santiago “para dicir alto e claro que, máis que ante unha crise, estamos, unha vez máis, ante unha auténtica estafa á xente do común”.

REPARTICIÓN “DISCRECIONAL” DE FONDOS DA XUNTA. A líder da oposición galega tamén cargou contra “o uso caciquil”, “partidista” e “discrecional” que fai a Xunta dos fondos dedicados aos concellos, singularmente nos orzamentos para o vindeiro ano 2023.

Como exemplo, ofreceu datos que reflicten que, no ano 2022, o 72 por cento dos 489 millóns de euros dos fondos da Administración galega dedicados aos concellos foi distribuído de maneira “discrecional”. Todo isto tendo en conta que para o 2023 esta porcentaxe ascende ao 74,6 por cento.

Nesta mesma liña, Ana Pontón referiuse ao ‘Plan Hurbe’ da Xunta de Galicia, onde “o uso caciquil” do diñeiro “é total”, posto que 57 dos 58 convenios asinados son con municipios gobernados polo PP. A pesar diso, reivindicou que os concellos gobernados polo Bloque “son moito máis eficaces”.

27 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito