Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ton de gran cordialidade no encontro entre Ana Pontón e a expresidenta de Brasil

A xuntanza, levada a cabo en Colombia, está enmarcada dentro da estratexia do BNG para estreitar lazos con países lusófonos

Continuando coa súa axenda internacional por Latinoamérica, a portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, mantivo unha reunión coa expresidenta de Brasil, Dilma Rousseff que se desenvolveu, segundo informan dende o partido, “nun ton de gran cordialidade e complicidade persoal”.

Esta xuntanza, emarcada dentro da estratexia internacional do BNG para estreitar lazos cos países lusófonos, tivo lugar en Colombia, onde ambas líderes políticas asisten ao acto de investidura do presidente de esquerdas, Gustavo Petro, e da vicepresidenta, Francia Márquez.

Segundo informan dende a formación política, a líder do BNG abordou con Rousseff “a importancia que ten para Galicia estreitar relacións cunha potencia como Brasil”, tanto desde o punto de vista cultural e lingüístico, tendo o país americano un papel “preeminente” entre os países da lusofonía, coma do económico. Neste último edio, dende o BNG fan alusión ao país americano coma un potencial “mercado extraordinario” de máis de 200 millóns de habitantes para as empresas e sectores produtivos galegos.

Cambio político. No encontro, as líderes políticas tamén tiveron a oportunidade de analizar a situación de “cambio político” cara a esquerda que se está a dar no continente americano, como está a acontecer en Colombia, coa chegada á presidenca de Gustavo Petro, e xa se deu antes en Arxentina, Honduras ou en Chile. Asemade, abordaron a casuística de Brasil e a posibilidade de que volva a estar nese grupo de países americanos con Executivos de esquerda se, “como todo apunta”, Lula da Silva obtén a presidencia nos comicios de outubro.

Neste eido, indican dende o partido nacionalista que Ana Pontón explicou á exrexidora de Brasil “as posibilidades de cambio real” en Galicia e as expectativas do BNG de lideralo dende a presidencia da Xunta. Con este obxectivo, a formación política galega traballa “cun proxecto a favor da maioría social do País, con humildade pero con toda a ambición e sen escatimar esforzos” de xeito que “Galicia poda tamén abrir un tempo novo nas próximas eleccións”.


Axenda en Latinoamérica. Esta reunión coa antiga presidenta de Brasil forma parte da rolda de contactos e reunións que a líder do partido nacionalista e a responsable de Área Internacional da Executiva nacional, Ana Miranda, están levando a cabo polo continente americano.

A visita a Colombia conforma a segunda parada da viaxe polo continente, tras rematar o última xornada de traballo en Chile logo da reunión que mantiveron co rexedor de Recoleta, Daniel Jadue, na que puxeron en común o modelo Pontevedra, que se ten convertido nun exemplo de cidade ao servizo da veciñanza, recuperando o espazo público para a xente, con políticas de transformación social en positivo e capaces de mellorar a vida das persoas.

Na rolda de contactos polo país andino tamén tiveron a oportunidade de xuntarse con Elisa Loncón, activista mapuche vencellada á redacción da proposta da nova constitución chilena, que destaca pola súa visión democrática e igualitaria e que se votará o vindeiro 4 de setembro. Pontón e Miranda tamén participaron nun encontro organizado pola plataforma Chile Mejor sin TCL (Tratado de Libre Comercio), en prol dunhas relación comerciais internacionais xustas en oposición á capacidade das multinacionais de impoñer os seus intereses sobre os da economía real e a clase traballadora dos países latinoamericanos. Asemade, destaca o convenio de colaboración asinado entre a Fundación Chile Constituyente XXI e a Fundación Galiza Sempre.

Xa en Colombia, ademais de asistir ao acto de investidura do novo presidente, Gustavo Petro, e da vicepresidenta, Francia Márquez, a axenda de traballo continúa cunha reunión con “Colombia Humana”, coalición liderada precisamente polo presidente electo. Tamén están previstos diversos encontros con líderes e responsables políticos tanto deste coma doutros países de Latinoamérica, aproveitando o amplo elenco de delegacións internacionais presentes en Bogotá.

07 ago 2022 / 00:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito