Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un 27 % de matriculados máis este ano que o pasado para facer a selectividade

A crise do covid-19 fixo que en 2º de Bacharelato a cifra de aprobados fose algo máis alta

Desde logo este que acaba de rematar foi un curso académico atípico. A pandemia do coronavirus obrigou a pechar escolas e facultades e a prácticamente estrear a docencia on-line en lugar da presencial.

Despois de que os tres últimos meses fosen virtuais sen unha preparación previa tanto de docentes como de alumnos, e coa agravante de que a rede non chega a todos os fogares, o Ministerio decidiu que, excepcionalmente, no ensino non universitario este ano os rapaces poderían pasar de curso e incluso obter titulación (de Bacharelato ou de FP) sen ter en conta as materias pendentes.

E o resultado é que os datos globais da matrícula para esta Abau (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade) revelan que se matricularon un 27,6 por cento máis de aspirantes a estudos superiores que o ano pasado. Dos 11.396 da convocatoria anterior, agora son 14.545 os que se someterán aos exames os días 7, 8 e 9 de jullo en convocatoria ordinaria, un mes despois do previsto. (Ver aquí o listado coas notas de corte)

Concretando un pouco máis, da parte obrigatoria da selectividade foron 12.624 fronte aos 9.915, un 27,3 por cento (2.709 máis). Da parte voluntaria hai unha diferencia de 440, dos pasados 1.481 aos 1.921 de agora, é dicir, un 29,7 por cento máis.

Pero, cal é a razón para esta suba de matriculados? O presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) cre que hai que ter en conta dúas razóns, desencadeadas precisamente pola crise sanitaria que provocou o covid-19. A primeira, porque houbo un número máis alto de aprobados en 2º de Bacharelato. E despois, “non sei se é que alguén pensa que a selectividade deste ano vai ser máis fácil”.

As probas deste ano si que teñen algún cambio coas anteriores, cando había dúas opcións, A e B, e era preciso respostar a todas as preguntas da opción elixida. Esta convocatoria permite contestar unicamente a unha parte, “pero o nivel da proba non está indicado que sexa máis fácil nin máis difícil”, asegura Celso Rodríguez. Cre que “iso puido animalos máis”.

Confesa, neste sentido, que na CIUG “pensabamos que non se ían presentar tantos e, efectivamente un 27 por cento de incremento é moito incremento”. Pero no cálculo de aulas e na planificación contaban aínda con 1.000 presentados máis.

Aínda que noutros anos fan previsións, ás veces pode haber algún cambio no último momento, pero nesta ocasión non se podía deixar nada sen pensar. “Tiñamos que ter moito coidado en non equivocarnos e traballamos sobre distintos escenarios”, así que calcularon unha cifra máis alta aínda dos matriculados, non querían arriscarse.

Non só tiveron que aumentar os efectivos nas aulas, tamén as comisións delegadas creceron e das 25 con que contaban, este ano son 46 debido á reducción do número de alumnos por clase. Tamén as aulas se duplicaron practicamente, xa que este ano serán preto de 550.

De feito, a distancia de seguridad minguou (antes eran 2 metros de separación e agora son 1,5), pero a CiUG segue mantendo tres asentos entre cada un dos aspirantes. O resultado é que se nun lugar caben máis de 50 persoas (o aforo máximo que se permitía) e agora poderían estar 70, a distancia será maior da imprescindible.

Mantense tamén o requisito de utilizar máscaras e de que cada alumno garde consigo a mochila ou bolsa, en vez de amorealas todas xuntas, como antes, para eliminar calquera posibilidade de contaxio.

Así mesmo houbo cambios e aumento de sedes ante as recomendacións de que os estudantes non se tiveran que desprazar moito para facer a proba. Rodríguez manifesta que nas universidades da Coruña e Santiago os centros de exame están relativamente preto e moi concentrados. En Vigo tiveron que achegalos un pouco porque as distancias son máis grandes, con Ourense por exemplo.

Tamén se manterá a previsión de entradas diferenciadas nos lugares onde exista máis de unha porta. Hai que ter coidado sobre todo nas entradas, que é onde van todos xuntos, porque as saídas cada un vai marchando ao acabar.

Ademais, para acceder á aula haberá un profesor do centro de ensino dos alumnos para identificalos e que non teñan que retirar a súa máscara da cara.

“repasamos e repasamos protocolos”

“Espero que discorra con certa tranquilidade”, asegura Celso Rodríguez cando se lle pregunta pola ABAU de este ano atípico. E posiblemente sexa así, porque hai moita xente colaborando para que todo esté preparado.

Ademais, explica o presidente da CiUG que contan co apoio da Policía Municipal e Protección Civil para o exterior e con máis vixiantes no interior, necesarios polo aumento de aulas.

“A xente da universidade respondeu á petición que se lles facía porque necesitabamos máis xente, e a dos institutos tamén. Non temos nada destacable salvo que é un protocolo un pouco máis estricto”.

Un protocolo, di Rodríguez, que “repasamos e repasamos continuamente”. É consciente de que a deste ano é unha situación “delicada”, pero tamén recoñece que a antiga selectividade sempre ten moita “transcendencia social”.

Superarán o seu propio récord as notas de corte do curso 2020-2021?
Cualificacións máis altas do habitual para os que aspiran a estudos superiores

Santiago. Non se pode predicir se as notas de corte subirán máis que as do curso pasado, pero non é nada estraño que así sexa. De feito, vanse superando e cada ano elévanse un pouquiño máis.

Pero nesta ocasión a diferencia podería ser moito maior porque hai moitas variantes que o favorecen.

A primeira razón é que este curso hai máis alumnos que aprobaron 2º de Bacharelato debido ás recomendacións do Ministerio de, excepcionalmente, non ter en conta as materias pendientes.

Esta circunstancia únese a que hai máis alumnos con matrícula de honra e as notas, en xeral, son máis altas que outros anos, porque as cualificacións da última avaliación, outra vez polo covid-19, non poderían restar senón sumar, é dicir, terían que ser iguais ou máis altas que as das avaliacións anteriores.

A cousa non é fácil e as tres universidades galegas deixaron libres o curso 2019-2020 unicamente o 8,5 por cento das prazas que ofrecen no primeiro curso de cada grao, é dicir, dos 11.252 pupitres que puxeron a disposición dos futuros universitarios só quedaron baleiros 951 (o gráfico que acompaña estas páxinas detalla a nota do último matriculado en cada título e en cais quedaron postos sen cubrir).

Iso si, a proporción non é a mesma nas tres institucións académicas nin na distribución por campus, segundo os datos publicados pola Comisión Interuniversitario de Galicia (CiUG).

A primeira paradoxa está na Universidade de Santiago, co seu campus compostelán nun primeiro posto alonxadísimo de todos os demais. Mentres, o de Lugo é o que más prazas baleiras ostenta.

E é que dos 43 graos e dobles graos que ofreceu o curso que acaba a capital de Galicia unicamente quedaron sen cubrir 34 postos en dous titulacións: Filoloxía Clásica (libres 19 prazas de 50) e Xeografía e Ordenación do Territorio (15 de 50). Supoñen só o 0,95 % de todas as prazas ofertadas. De calqueira xeito pertencen aos chamados graos singulares, que non desaparecen anque teñan pouco alumnado porque a sociedade necesita eses profesionais.

Na outra cara da moeda está o campus lucense, que deixou sen cubrir un 27,9 % dos postos, xa que das súas 888 prazas en primeiro curso deixou baleiras nada menos que 248.

A Universidade da Coruña tampouco quedou en boa posición. Mentres que a capital rexistrou un 10,7 % de pupitres libres, en Ferrol alcanzou o 24,6 %. Das 3.133 novas prazas que puxo a disposición para o curso pasado, quedaron vacantes 416. A que ocupa a mellor posición é a de Vigo no seu conxunto. E é que o campus olívico non tivo demanda para o 7,3 % da súa oferta, en Pontevedra foi o 3,7 % e en Ourense o 8,3 %.

AS XOIAS DA COROA As titulacións que esixiron as notas máis altas foron da USC, que pechou algúns dos seus graos practicamente no primeiro chamamento a matrícula.

Os máis demandados foron dobles graos. Matemáticas e Física, Enxeñaría Informática e Matemáticas, e Comunicación Audiovisual e Xornalismo resultaron os primeiros en pechar as súas portas, as dúas primeiras cunha nota de corte máis alta que 13 e a última con 12,968. Nas que non son simultáneas Medicina segue sendo a número un (12,442), seguida de Biotecnoloxía (12,338). c. barba

27 jun 2020 / 23:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.