Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un novo regulamento actualiza o status do galego dentro da USC

Afondase así no rol dinamizador da lingua que debe ter a institución por ser unha entidade de carácter público

Ante os novos contextos multilingües e de internacionalización, e as necesidades que xorden da man das novas tecnoloxías, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de aprobar un novo Regulamento de Usos Lingüísticos co que se pretende “asegurar o status” da lingua galega dentro da institución.

Así o informou a USC nun comunicado logo da aprobación do documento no Consello de Goberno celebrado onte na Vicerreitoría de Organización Académica do Campus de Lugo, coa que se recupera a práctica seguida antes da pandemia de celebrar unha sesión ao ano no campus lucense.

Con este novo regulamento, a universidade pretende “asegurar o status de lingua propia do galego; garantir os dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria e da cidadanía en xeral; e contribuír ao uso do galego en certos ámbitos en que carece dunha presenza equilibrada e á proxección internacional da institución compostelá”.

Trátase dunha actualización da regulación vixente até o momento, aprobada no ano 1993. Neste senso, a USC recoñece que “as circunstancias mudaron” especialmente no relativo á aparición das novas tecnoloxías e dos contextos multilingües e de internacionalización que, segundo informan dende a institución académica, “entraron transversalmente e a fondo en todas as estruturas universitarias, creando novos espazos de comunicación e novas necesidades que o texto precedente non consideraba”.

Dinamización lingüística. Coa aprobación deste novo documento, afondarase no papel dinamizador no uso do galego que, segundo expoñen dende a institución, debe desenvolver a Universidade de Santiago de Compostela como ente público da comunidade.

Deste xeito, aborda o uso da lingua en relación coa imaxe institucional e corporativa, os usos lingüísticos institucionais, académicos, internos, na administración, nas relacións coa cidadanía, nas comunicacións con outras institucións e entidades, ou nas publicacións e publicidade, entre outros ámbitos.

Titulacións. Tamén no Consello de Goberno celebrado onte foi aprobado un novo regulamento que actualiza o documento vixente dende 2017 en relación ás titulacións oficiais de grao e mestrado na USC, así coma o procedemento de aseguramento da súa calidade. Tal e como indican dende a institución compostelá, esta modificación “atópase en consonancia co establecido no Real Decreto 822/2021 que aborda e modifica certos aspectos básicos da ordenación das ensinanzas universitarias”.

Neste senso, actualízanse os obxectivos e principios reitores das titulacións, defínense os seus órganos responsables, as directrices xerais, modalidades docentes, estruturas curriculares específicas e de innovación docente; e como deben formularse as novas propostas, modificacións e supresións de titulacións de grao e mestrado universitario, entre outros aspectos.

Gardando relación con este mesmo eido, o Consello de Goberno tamén aprobou a convocatoria anual de novas propostas e modificacións de titulacións de grao, mestrado universitario e doutoramento para a súa implantación no curso 2024-25. Asemade, outra das cuestións tratadas na xuntanza foi procedemento de admisión e matrícula condicionada nos estudos de máster.

50 prazas de catedrático. Outra das cuestións abordadas no Consello foi a aprobación da proposta de asignación de medio centenar de prazas de catedráticos e catedráticas. Alén disto, asignáronse a áreas de coñecemento prazas de profesorado axudante doutor, de asociado e de profesorado con vinculación permanente, alén de aprobarse prórrogas de profesorado asociado.

Asemade, debido á entrada en vigor da reforma laboral, que “supón a limitación dos contratos temporais só para supostos excepcionais”, tamén foi necesario abordar a modificación do regulamento da USC en materia de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i, facendo referencia unicamente “a contratos de obra e servizo determinados” Mudar a composición da mesa de contratación foi outra das cuestións abordadas no Consello.

29 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.