Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
galardón. O carismático Xosé Manuel Beiras recibe a homenaxe da comunidade universitaria coa entrega do Premio Luis Porteiro Garea no Paraninfo TEXTO G. Villar

Un vello rabudo que ten as ideas de sempre

O histórico político nacionalista e ex profesor catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Manuel Beiras recibiu este mércores o premio Luís Porteiro Garea, polo seu labor de defensa do idioma propio na súa faceta universitaria. “Son un vello rabudo e sigo tendo as mesmas ideas, cada vez máis rotundas”, asegurou, en declaracións previas á entrega deste galardón, no que mostrou a súa profunda “emoción” e tivo especiais palabras de agradecemento para o seu discípulo Xavier Vence, tamén catedrático de Economía Aplicada e que, como el, tamén foi portavoz nacional do BNG.

Beiras, que recorreu ao seu “afrancesamento” para mostrar que vive ‘désabusé’ –desilusionado– , rexeitou calquera volta á primeira liña política. “Son moi consciente de que aos 86 anos sería case grotesco que eu tentase ter calquera tipo de participación persoal activa, xa non digo de protagonismo, do que é necesario facer por este país”, contestou ao ser preguntado por se no marco das súas aparicións mediáticas está a barallar un regreso a primeira liña de batalla política. Con todo, reafirmouse nas súas crenzas políticas e na necesidade dun traballo “en dúas claves”: en “clave de esquerda” para defender “ás maiorías sociais fronte ás oligarquías” e de “reivindicación do idioma”.

Sobre a lingua propia, motivo do galardón deste mércores, advertiu de que despois de “40 anos de autonomía ou autoanemia”, parafraseando neste último caso a Pilar García Negro, a “defensa do idioma teña que ser feita por organizacións cidadás” como A Mesa pola Normalización Lingüística --citou--. Así, informou Europa Pres, lembrou que o Estatuto de Autonomia recolle que a lingua propia é o galego, que é cooficial co “español”, algo que atribuíu a que é “a lingua do Estado, mentres exista”.

Xa durante o seu discurso no acto que tivo lugar na Facultade de Xeografía e Historia e que presidiu o reitor da USC, Antonio López, Beiras afirmou que, para el, o uso do idioma propio na universidade “non foi un esforzo especial, senón natural” debido a que recibiu educación e tivo acceso a libros desde mozo en galego. “Iso marca, iso convérteche nun ser insólito e nun privilexiado, desde o punto de vista de identificación do país”, remarcou, tras lembrar que a Castelao xa o puido ler con 13 anos.

“Vivín nunha especie de oasis no medio da barbarie”, afirmou tamén, reafirmando esa naturalidade coa que viu forxarse o seu vínculo co idioma, algo que non só non puido xa deixar de lado polo resto da súa vida, senón que sería a constante e o motor de toda a súa actividade persoal, política e profesional, algo que evidenciou no seu discurso tras recibir este galardón.

Así, o propio Beiras non dubidou en articular o seu discurso acerca dese vínculo e ese sentido de pertenza cara á nosa terra que, tras nacer e arraigar tan profundamente dentro del e a moi temperá idade, foi posteriormente o motor e a ‘luz’ que marcou o camiño a toda unha traxectoria que pode ser entendida e afagada en infinidade de claves pero, sobre todo, ten que ser interpretada como a dun dos rostros máis ilustres na defensa do galego e a súa cultura.

O galego, camiño de ser terceiro idioma. Beiras quixo tamén referirse no seu discurso no Paraninfo da USC ao actual contexto que vive un galego que, segundo el, continúa padecendo dunha desprotección que ameaza con relegalo a ser o terceiro idioma do noso territorio, superado polo castelán e o inglés. “Así non se constrúen sociedades democráticas, nin se consegue que os cidadáns non sexan súbditos”, apuntou.

Precisamente este acto, e este galardón, serviu para que a carimástica figura do nacionalismo galego recibise o recoñecemento que se merece por unha vida dedicada, non só á defensa do galego, senón tamén ao ámbito universitario, no que Beiras, tal e como destacou o reitor compostelán, Antonio López, foi un “referente”. “Temos que reivindicar o universitario que foi e que é o profesor Beiras”, asegurou o reitor.

E é que Beiras se mantivo vinculado á Universidade de Santiago durante máis dun século pero, ademais, fíxoo sen renunciar por un segundo ao seu compromiso con Galicia. “O uso cotián do galego en todas as dimensións da vida e a actividade académica constituíu e constitúe un aceno de identidade da súa persoa e da súa identificación e compromiso con Galicia, coa nosa cultura e o noso idioma”, sinalou Xavier Vence.

Moitos son os que pensan que nin un milleiro de premios e recoñecementos poderían saldar a débeda da comunidade universitaria e de Galicia cun Beiras que non dubidou en sinalar: “O mérito non é meu, é das persoas que me formaron”. Unhas palabras que reflicten a personalidade e o estilo dun “vello rabudo coas mesmas ideas de sempre” pero sen o que, sen dúbida, non se pode explicar a Galicia das últimas décadas.

21 sep 2022 / 20:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.