Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unanimidade na Cámara galega para impulsar as transferencias da AP-9 e o litoral

A iniciativa, apoiada por todos os grupos, reclama tamén atribucións que “están en proceso de negociación” con outras comunidades

SANTIAGO. EUROPA PRESS. O Parlamento galego aprobou este mércores por unanimidade impulsar a convocatoria da comisión mixta entre a Xunta e o Goberno central para manter o apoio á transferencia a Galicia da titularidade da AP-9, así como das competencias sobre o dominio público marítimo-terrestre. A proposición non de lei (PNL) rexistrada polo Bloque incidía no traspaso da autoestrada. Con todo, tras pactar unha transacción co PPdeG, incorporouse un segundo parágrafo para incluír tamén a reclamación "doutras competencias sobre as que xa houbo acordos parlamentarios" e que ou ben "xa foron transferidas" ou ben "están en proceso de negociación" con outras autonomías. Do mesmo xeito, o texto final da iniciativa urxiu a convocatoria da Comisión Mixta Xunta-Estado para impulsar todas estas transferencias.

O encargado de defender a PNL foi o nacionalista Luís Bará, quen --durante a sesión do martes, aínda que a votación foi este mércores-- reivindicou que foi o Bloque quen impulsou "desde 2015" o traspaso de titularidade da AP-9 e que, desde entón, contou coa unanimidade da Cámara autonómica. A pesar do acordo unánime, aproveitou para acusar a populares e socialistas de ser forzas políticas "centralistas". Por unha banda, Bará lamentou que o PP, cando Ana Pastor era presidenta do Congreso, "vetase" a tramitación da lei de transferencia da autoestrada. Posteriormente, e aínda que a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa supuxo o desbloqueo desta lei, criticou que se rexeitase a súa tramitación de urxencia e que a actual ministra de Transportes, Raquel Sánchez, advertise que o cambio da titularidade "ten difícil encaixe" polas bonificacións aprobadas polo Goberno central.

PPDEG INCIDE NO LITORAL. O PPdeG mostrou o seu apoio á iniciativa nacionalista, aínda que optou por negociar unha transacción para incluír no texto a reclamación das competencias sobre o dominio público marítimo-terrestre. A deputada Begoña Freire defendeu reclamar maior autonomía para Galicia cun "plan ordenado" e "establecendo prioridades", entre as que, precisamente, se inclúen tanto a AP-9 como o litoral. Do mesmo xeito, explicou que o PPdeG "non renuncia a aspirar ao máximo teito competencial, como se marca para o resto de comunidades históricas" de España, aínda que matizou que estas transferencias deben ser "útiles" e que "melloren a xestión". "Non queremos que desde Madrid se decida sobre o noso litoral", proclamou Freire. Desta frase serviuse Bará para, de broma, preguntarlle se se ía a sumar ás filas nacionalistas: "Estou por darlle a súa afiliación ao BNG".

O PSDEG, A FAVOR. Pola súa banda, Patricia Otero prometeu o apoio do Grupo Socialista a esta PNL e asegurou que a postura do PSdeG "sempre foi a mesma": "A favor da transferencia da AP-9 a Galicia e tamén da ordenación do noso litoral". Precisamente, respecto do dominio público marítimo-terrestre, apoiou que a Xunta asuma esta competencia sen necesidade de modificar o Estatuto de Autonomía, tal e como demanda o Goberno central. Con todo, Otero explicou que "é preciso abordar unha modificación" desta norma para facilitar próximas transferencias e conseguir "o mesmo nivel competencial" que outras comunidades. Ademais, a deputada socialista congratulouse --con ton irónico-- de que o PPdeG "cambiou de postura", porque cando o expresidente galego Emilio Pérez Touriño presentou unha lista de competencias a reclamar ao Estado, entre elas o litoral, os populares se dedicaron "a pór paus nas rodas".

PORTO DE CAMBADOS. Por outra banda, non saíu adiante unha iniciativa dos socialistas para reclamarlle á Xunta que impulse a redacción do plan especial do porto de Cambados (Pontevedra) tras corrixir as "deficiencias técnicas" que sinalou un informe da Dirección Xeral de Costas do Estado. Patricia Otero (PSdeG) argumentou que se trata de achegar "seguridade xurídica" ao peirao e afeou que o PPdeG e o Goberno galego se dediquen a "meter medo" ao sector mar-industria co suposto perigo que corren as concesións no litoral coa nova lei estatal de cambio climático.

Fronte a estas críticas, a popular Teresa Egerique insistiu en que é "o propio PSOE" o que "está a plantexar que non haxa seguridade xurídica" nas concesións e nos postos de traballo "coas súas decisións", tamén co informe de Costas sobre o porto de Cambados. "É un problema real, nada de especulacións", engadiu. Por parte do BNG, que apoiou a PNL, Montse Prado lamentou que o plan especial do porto leve "oito anos deambulando para ser aprobado" e arremeteu contra socialistas e populares por "dicir unha cousa aquí e aos veciños" de Cambados, pero logo "votar outra en Madrid".

15 jun 2022 / 19:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.