Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 03 diciembre 2021
00:28
h

Unha nova categoría de médicos de Primaria estarán en centros de saúde e farán gardas nos PAC

Sindicatos afean esta medida “sen negociar” e advirten que as novas prazas anunciadas “non solucionan os problemas”

SANTIAGO. EP. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) contará en 2022 coa nova categoría de facultativo especialista en Atención Primaria, que operará nos centros de saúde pero que tamén fará gardas nos puntos de atención continuada (PAC). Trátase dunha medida que incluirá a Xunta na lei que acompaña aos orzamentos do próximo ano e que representantes sindicais critican por crearse "sen negociar" con eles. Esta é unha das novidades que avanzou a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, ás organizacións sindicais na reunión da Mesa Sectorial mantida a partir das 12,00 do mediodía deste martes, unha hora despois dunha protesta protagonizada por CIG, CC.OO., UXT, Satse e CSIF ante a sede da Consellería de Sanidade en Santiago.

Nun comunicado, o departamento que dirixe Julio García Comesaña confirma a creación desta nova figura a través da lei de acompañamento ás contas de 2022, que será remitida este mércores ao Parlamento. Os novos facultativos especialistas en Primaria buscarán "paliar o grave déficit de médicos de familia" do sistema e as súas condicións serán obxecto de negociación en Mesa Sectorial, asegura a Consellería. Ademais, Sanidade afirma que estas novas prazas se incorporarán "sen afectar os médicos de familia que desempeñan na actualidade o seu labor na PAC e centros de saúde", o que de feito lles "evita a obriga de facer gardas".

As organizacións sindicais, a falta de coñecer máis detalles sobre esta categoría, critican que se vaia a crear "sen negociación" previa a través da lei de acompañamento dos orzamentos. "Din que por motivos de urxencia", apunta o responsable de sanidade de CC.OO. en Galicia, Javier González, quen tamén lamenta non saber "se vai ser un cambio de modelo na Primaria". Neste contexto, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, afea á Consellería que pida e prometa "boa fe" na negociación cando "acaban de presentar isto na lei de medidas" para 2022 sen deliberación previa en Mesa Sectorial.

De igual modo, os responsables da Consellería presentaron a categoría de dietista-nutricionista, que se poderá incorporar en Atención Primaria en función dos plans de saúde locais e prevese tamén para as áreas de Endocrinoloxía dos hospitais.

UN 6,44% DE ORZAMENTO MÁIS PARA PERSOAL. Durante a reunión, a directora xeral de Recursos Humanos informou ás organizacións que os fondos reservados para o persoal --o 42,7% do orzamento total do Sergas-- crecerá un 6,44% o próximo exercicio, que se elevará ao 9,13% na Atención Primaria. Neste sentido, Ana Comesaña lembrou que se espera incrementar 1.330 prazas con respecto ao 2021, que ascenden a 1.388 se se ten en conta a amortización das de categorías en extinción como os médicos de asistencia a domicilio que operaron durante este ano, tal e como explica a Consellería de Sanidade. Con todo, os sindicatos din "non coñecer" cantas son de nova creación.

De todas elas, os orzamentos para 2022 contemplan 982 prazas para "estabilización do emprego temporal" nas categorías de facultativo especialista de área (409), enfermaría (298), persoal técnico superior sanitario (60), auxiliares de enfermaría (183) e celador no ámbito hospitalario (32). Ademais, no tocante a residentes MIR e EIR, haberá 162 prazas. A estas hai que sumar outras 49 repartidas entre novos efectivos en médicos e enfermeiros do Plan Galego de Hospitalización a Domicilio (HADO) e máis persoal no Plan de Saúde Mental poscovid 2020-2024.

"NON SOLUCIONA O PROBLEMA" EN PRIMARIA. Con todo, os sindicatos lamentan que todo o montante de novas prazas "non soluciona o problema de Atención Primaria", segundo sinala María Xosé Abuín (CIG). Neste ámbito, o Sergas contará con 109 novos profesionais: 28 farmacéuticos máis 81 enfermeiros. Xunto a estas, haberá outras 308 que estaban recollidas no plan galego de Atención Primaria 2019-2021. No entanto, as organizacións advirten que tan só "dous terzos" están cubertas, posto que ao redor dun centenar se atopan baleiras "e queda mes e medio" para que finalice 2021, tal e como apunta Javier González (CC.OO.). De feito, a responsable de CIG-Saúde pon o foco no "preocupante" que é que "ningunha área" agás a de Lugo-A Mariña-Monforte cubrise prazas en Pediatría. "Isto non soluciona o problema de Atención Primaria. Seguimos tendo a mesma situación e seguimos sen entender por que o Sergas non quere incorporar outras categorías como Psicoloxía Clínica, cando máis do 40 por cento das consultas son de saúde mental", critica Abuín.

CONTRATOS PARA DAR "ESTABILIDADE". Pola súa banda, a secretaria xeral do sindicato de enfermaría Satse en Galicia, Malules Carbajo, celebra que "o groso" dos novos contratos en Atención Primaria sexan para esta categoría, pero explica que serán facer "estables" a traballadores que "renovaban cada seis meses" o seu vínculo co Sergas ou aos que lles vencía os seus contratos de continuidade ao chegar ao máximo de tres anos --neste caso, serán 20 médicos de Primaria e 66 enfermeiros--. Aínda que valora que estas medidas van "paso a paso" a mellorar a situación dos eventuais, Carbajo matiza que "non son suficientes" e lamenta que non se falase "nin das matronas nin dos fisioterapeutas".

PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS. A Administración tamén se "compromete" a elaborar un plan de ordenación de recursos humanos na Atención Primaria, tal e como reclamaron os sindicatos na súa protesta da mañá, dadas as xubilacións que se prevén para os próximos anos. Ademais, na Mesa Sectorial, o xerente do Sergas, José Flores, e a directora xeral de Reforma e Planificación Sanitaria, Estrella López-Pardo, informaron dos traballos realizados para "mellorar a capacidade resolutiva de todas as categorías" na Primaria e para implementar unha nova "axenda de calidade" para Enfermaría. "Imos ver que pasa", di respecto diso a secretaria nacional de CIG-Saúde, porque é unha reivindicación de fai "tres anos e isto non avanza". En definitiva, Abuín considera que "de inmediato" o Sergas aínda "non achega ningunha solución" á situación da Primaria, un asunto no que coincide o seu homólogo en CC.OO., Javier González.

Noutra orde de cousas, a Administración presentou na Mesa un proxecto de ordenación do sistema de formación sanitaria, que regulará a figura do xefe de estudos cun posto propio no cadro, con "melloras" na carreira profesional para os titores e con xornadas dedicadas especificamente para a formación. O prazo para que as organizacións sindicais poidan presentar alegacións xa quedou aberto e finalizará o 3 de novembro.

20 oct 2021 / 12:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.