Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Amelia Pérez Álvarez Secretaria xeral de CCOO en Galicia

“Veñen tempos complicados e hai que estar cohesionados como nunca para afrontalos”

“Seguiremos co binomio da mobilización e tamén a negociación, as CC.OO. non imos a renunciar a estar nas rúas”

Amelia Pérez Álvarez (Moaña, 1970) ven de romper un teito de cristal non só nas Comisións Obreiras de Galicia, onde leva afiliada desde 1998, senón en todo o sindicalismo de clase galego. Traballadora do sector do comercio, delegada sindical en Zara na urbe olívica, foi primeiro secretaria de Organización da Unión Comarcal de CCOO de Vigo e os últimos oito anos a súa secretaria xeral, primeira muller en asumir esta responsabilidade e cargo que deixou en abril para encarar un novo reto: o de ser a primeira muller en liderar este e calquera outro sindicato en Galicia. A súa lista, refrendada polo 64 % dos sufraxios (97 a favor, 52 en branco e dous nulos), foi a única presentada á secretaría xeral despois de que Ramón Sarmiento renunciase a concurrir a un segundo mandato, e de que a responsable de Finanzas de CCOO-Industria, Leila Piñeiro, fixese o amago de competir con ela, para despois presentar unha lista para a executiva do sindicato. De novo, 97 votos para a proposta de Pérez outorgáronlle sete prazas, por catro para a lista rival. Falamos coa compañeira Meli, que insta a, pasado o XII Congreso, agora toca remar todos xuntos, porque o que lle espera á clase traballadora non será doado.

Antes de nada, noraboa. Como te sentes despois de que todo saise ben e acadases o teu obxectivo?

Gracias! Pois mira, síntome ilusionada, pero ao mesmo tempo é un reto e unha responsabilidade importante. Porque son a primeira secretaria xeral das Comisións Obreiras de Galicia, e como cando cheguei a Vigo fun a primeira secretaria xeral comarcal. Queiras que non, ir abrindo esos frentes, para as que somos feministas, fainos medrar un palmo.

En que notaremos o cambio, máis alá de que haxa unha muller e non un home, de que do cromosoma XY pasamos o XX?

Que conste que o XX, XY marca moito! Somos pioneiros en feminismo, a ver se aprenden o resto dos sindicatos. Pero no día a día veñen tempos complicados, temos moitos retos enriba da mesa, e a organización ten que estar máis cohesionada que nunca para afrontalos. Será a través do binomio da mobilización-negociación, as Comisións Obreiras non imos a renunciar a estar nas rúas. Está no noso ADN, é o mellor xeito de acadar obxectivos que son imprescindibles para a clase obreira galega.

E por que non se acadou unha lista de integración á executiva?

Son lances dos procesos congresuais. Hai posturas lícitas e lexítimas. Desde que eu levo na organización a poucos congresos fun que non houbera candidatura alternativa. Está na propia idiosincrasia das Comisións Obreiras o debate interno, é algo normal. Pero unha vez pechado, tócanos a todos e a todas remar xuntos e, a partir do luns, poñernos a traballar.

O de que te impuxeras ti como alternativa supoño que non foi un proceso dun día para outro...

Non, e o que non fixemos é buscar unha persoa que a liderase e logo facer o proxecto. Foi o revés. Houbo un grupo de organizacións que empezaron a falar e cando o definiron entenderon que eu era a axeitada para encabezar a candidatura. E cando estás nunha organización asumes que as veces tocache dar un paso adiante e xa está.

Con qué prioridades partides para traballar a partir do luns?

O primeiro é tomar terra. Eu viña dunha unión comarcal grande, como era a de Vigo, pero evidentemente non é o sindicato nacional. Teño que facerme unha composición de lugar. A nivel sindical, as liñas están marcadas, levamos desde febreiro pedindo a derogación da reforma laboral, da das pensións, ou o incremento do salario mínimo. Aí estamos e aí seguiremos. E despois os conflictos que hai no día a día, cos EREs na banca, a crise no téxtil, na hostelería, o proceso de desindustrialización na nosa comunidade... esa folla de ruta vai seguir sendo así.

É que estades á cabeza neses conflictos, da banca ás industrias...

Alcoa, Alu Ibérica, Gamesa, As Pontes, Vulcano... e moitas máis. Polos dereitos en todas elas, por tódolos sectores, seguiremos loitando.

Sordo insta a un reforzo interno con resultados externos: lograr adiantar á CIG
Reclama a derrogación da reforma laboral do 2012 e di que se non hai cambios non haberá acordo nas pensións

Santiago. Acudía o secretario xeral de CC.OO., Unai Sordo, a Santiago, ao hotel Oca Porta do Camiño, para bendecir á nova dirección do sindicato en Galicia, proceso ao que non se pudo chegar con lista única. “Somos unha organización plural e que ocorran estas cousas entran dentro da normalidade democrática”, sinalaba tras ser consultado polos medios, para poñer en valor, que a Secretaría Xeral en Galicia teña nome de muller: “É un paso máis na normalización a ocupación de postos de altísima responsabilidade polas mulleres en CC.OO., non me estraña absolutamente nada porque vai ocorrer en máis territorios”.

Reclamou altura de miras á nova executiva e “capacidade de integración” para “non interiorizar os debates” e “mirar cara a fóra”, un obxectivo que considera a “compañeira Meli” –por Amelia Pérez– que vai a liderar desde o próximo luns, para fortalecer a CCOO e que dispute á CIG o primeiro posto no sindicalismo galego de clase.

A nova executiva estará formada por Amelia Pérez Álvarez; Santiago Huertas Pozurama; Yolanda Martínez Quintián; Armando Iglesias Rodríguez; Rita Gippini Estévez;, Xesús Castro Baamonde; Maica Bouza Seoane; Antonio Millares Jorge; Leila Piñeiro Otero; Juan Carlos López Corbacho; Mamen Sabio Sanz e Francisco Méndez Gómez.

Recordou Sordo ao secretario xeral saínte, Ramón Sarmiento, de quen destacou a súa “xenerosidade” ao “interpretar que o colectivo está por encima de todo”. A nivel máis global, o líder sindical reiteraba ao Goberno central que debe derrogar a reforma laboral de 2012 e avisaba que non haberá acordo nas pensións se non muda a súa revalorización e o factor de sostenibilidade. S.R.

22 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.