Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Viaxes gratis no transporte interurbano coa tarxeta Xente Nova

A Xunta anuncia que a partir do mes de maio esta gratuidade será para os menores de 21 anos de toda a comunidade. Haberá bonificacións nas autoestradas autonómicas para familias numerosas

    Cargando reproductor ...

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou este martes na Cámara galega que no mes de maio os menores de 21 anos de toda Galicia poderán viaxar gratis no transporte interurbano da Xunta empregando a tarxeta Xente Nova.

Deste xeito, o Goberno culminará a extensión a todo o territorio desta medida social iniciada no ano 2016, da que actualmente xa se están a beneficiar 79.000 mozos galegos menores de 21 anos que viaxan de balde, asegurou Vázquez. A previsión do Executivo autonómico é duplicar o número de beneficiarios e máis que duplicar o investimento que destina a pagar estas bonificacións, pasando de 1,9 millóns de euros a 4,3 millóns ao ano, tal e como indica a Xunta nunha nota de prensa.

Durante a súa comparecencia no Pleno do Parlamento, para informar das previsións e principais liñas de actuación da Consellería nesta lexislatura, Vázquez destacou a forte aposta do Goberno galego por modernizar e renovar as liñas de autobús interurbano. Así, explicou que no mes de decembro rematou a implantación do Plan de Transporte Público de Galicia, que supuxo a activación de 127 contratos e a renovación de máis de 3.100 liñas de autobús que, con 50.000 paradas, prestan 300.000 servizos ao mes. “Nunca na historia de Galicia se fixo unha aposta como a que estamos a facer polo transporte público”, resaltou.

ÁREA DE TRANSPORTE DE GALICIA Ademais, coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da aprobación da Área de Transporte de Galicia, poderase estender as vantaxes do transporte metropolitano ao conxunto de Galicia. As previsión da Xunta pasan por que na primavera empecen a asinar os primeiros convenios de adhesión cos concellos, co obxectivo de proceder á implantación efectiva ao longo do segundo semestre do ano.

O emprego da Tarxeta de Transporte Público de Galicia suporá unha bonificación de 0,50 euros no prezo de cada viaxe, que será asumida, de forma xeral, nun 80% pola Xunta e o 20% polo concello adherido. A esta bonificación sumarase o desconto do 10% nas viaxes aos usuarios da tarxeta TMG, con independencia de se o concello está adherido ou non. Ethel Vázquez convidou aos concellos a sumarse á Área de Transporte de Galicia porque isto suporá para os seus veciños unha bonificación mínima de 0,65 euros no prezo de cada viaxe.

AUTOESTRADAS DA XUNTA MÁIS BARATAS De cara a axudar á economía das familias, a titular de Infraestruturas lembrou que no verán se porá en marcha unha nova bonificación para as familias numerosas nas autoestradas de titularidade da Xunta, na AG-55 e na AG-57. A medida, recollida na Lei de Impulso Demográfico, beneficiará ás 27.000 familias numerosas existentes na Comunidade, situando a Galicia como pioneira na aplicación destes descontos. Estas bonificacións viranse sumar ás que xa se veñen aplicando aos usuarios frecuentes e en horario nocturno.

23 mar 2021 / 12:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.