El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

publicación

Editan 'O Diccionario del Dialecto Gallego de Luis Aguirre del Río'

O Instituto Padre Sarmiento publica o primeiro dicionario galego coñecido // A profesora Carme Hermida é a autora da introdución e edición do manuscrito, do ano 1858

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 23.02.2008 
A- A+

Editado polo Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, na colección Cuadernos de Estudios Gallegos, acaba de saír do prelo o libro O Diccionario del Dialecto Gallego de Luis Aguirre del Río, obra manuscrita que supón de feito o primeiro dicionario galego dos coñecidos ata o de ahora, xa que aparece datado en 1858, cinco anos antes que o publicado polos irmáns De la Iglesia a partir dun orixinal de Francisco Javier Rodríguez.

O manuscrito atopábase entre os fondos do propio Instituto Padre Sarmiento e foi descuberto con ocasión do seu traslado desde a súa anterior sede na rúa de Fonseca á actual localización no Hospital de San Roque e constitúe, segundo sinala no limiar da obra agora publicada o director do centro, Eduardo Pardo de Guevara, "un proxecto rematado -con portada, título, folios encadernados"- o que permite asegurar que é o primeiro dos dicionarios coñecidos, aínda que "o de Rodríguez seguirá tendo a honra de ser o primeiro que saíu do prelo. As fichas soltas, custodiadas por Justo Cortizo e cedidas xentilmente para este traballo, engadidas agora ó manuscrito, conforman un dicionario que, en número de entradas, é un dos maiores do século XIX".

O estudo e edición da obra confiouse a Carme Hermida Gulías, profesora titular da Universidade de Santiago e membro do seu Instituto da Lingua, recoñecida especialista que conta no seu haber profesional con abundante produción bibliográfica sobre a lingua galega e sobre esta época do século XIX en particular.

Segundo sinala a profesora Hermida Gulías, o dicionario de Aguirre "é o que máis cedo está datado. Malia a mocidade do seu autor, o seu traballo está dotado de coherencia interna e baseado nuns criterios filolóxicos aceptables para a súa época", e no afán de incluír no vocabulario "deturpacións populares en palabras comúns co castelán e pola (re)creación de palabras novas", vén poñer de relevo "que a busca do diferencialismo está presente dende os inicios do rexurdimento literario".

O DATO

A presentación

A obra será presentada en breve nun acto literario que contará coa presenza da profesora Carme Hermida e de membros do Instituto Padre Sarmiento, segundo sinala o seu director, Eduardo Pardo de Guevara, respecto disto .