El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

alfaia

Achan unha crónica manuscrita do século XVIII en lingua galega

O texto, localizado na Biblioteca Nacional de Madrid, foi transcrito e estudado por Camiño Noia e Bieito Arias // Contribúe a encher a lagoa literaria dos Séculos Escuros

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 07.11.2009 
A- A+

Profesores da Universidade de Vigo acaban de localizar na Biblioteca Nacional de Madrid un novo manuscrito dunha Historia de Iria, escrita en lingua galega no primeiro terzo do século XVIII. O texto foi redactado por Pedro Otero Romero y Torres, avogado dos Reales Consejos de Felipe V. Trátase dunha Historia de Iria máis extensa no tratamento das diversas etapas históricas que a Coronica de Santa María de Iria de Rui Vasques, do século XV. A narración do manuscrito atopado acada un período da historia de Galicia que vai da chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Iria ao reinado de Xoán II e o arcebispado de Don Xoán de Cerezuela, en Compostela, cun apéndice en castelán que continúa a narración dos feitos ata a época de Felipe V. Os profesores do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Bieito Arias e Camiño Noia, foron os que realizaron o traballo de transcrición e estudo do manuscrito. O importante achado, que será publicado proximamente pola Editorial Galaxia, contribúe a encher as lagoas literarias dos chamados Séculos Escuros, nos que a expresión escrita en lingua galega practicamente desapareceu na literatura e nos documentos oficiais. Segundo sinala Camiño Noia, "o manuscrito titúlase Ystoria dela Santa Yglesia de Iria Flavia y translacion ala compostelana, mais, centrada a narración dos feitos nestas dúas sés eclesiásticas, é unha historia de Galicia máis completa que a Coronica de Santa Mª de Iria de 1468". Para a profesora Noia, "a lingua do texto conxuga grafías e léxico medievais coas da lingua do século XVIII".

"O texto -apunta- descubriuno o profesor de Literatura española da FFT, Manuel Candelas, entre outros documentos en castelán, nun volume da Biblioteca Nacional. Comentoullo a Xosé Mª Gómez Clemente. E este dixónolo ó profesor Bieito Arias e a min. Comprobamos que se trataba dun texto interesante e decidimos transcribilo e estudalo", di Camiño Noia.