El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

NARRATIVA

"O amor sen corresponder é alimento de imbéciles"

Marisa Pascual fálanos dos cárceres do amor e daquelas persoas que "merecen vivir cousas mellores"

JOSÉ MANUEL ESTÉVEZ-SAÁ • SANTIAGO   | 28.03.2010 
A- A+

I-ITALY
Filla de nai catalana e de pai ourensán, Marisa Pascual desenvolve o seu traballo en Compostela
FOTO: I-ITALY

Para meigo, de Marisa Pascual, defínese dacabalo entre a novela por entregas e un conxunto de relatos entretexidos co fío dunha voz que, a pesar de se vestir de muller, podería corresponder a calquera de nós. Non creo que se trate tanto dunha autobiografía como dunha biografía, pois define moi ben o que é a dimensión máis profunda e sensible de calquera persoa que saiba recoñecerse entre liñas. Marisa Pascual dotou á súa voz narrativa dunha capacidade especial de observación e dunha agudeza sorprendente para transmitir moitas das inquedanzas que nos acosan a diario. O texto fala duns sentimentos contrapostos que ás veces fan "que desexemos morrer" e noutros intres mostran o noso medo a "atravesar o campo magnético da soidade". Atopámonos fronte a un relato que é un "canto cego e entregado ao amor" ao tempo que unha memoria do "odio ao sentimento do desamor". Marisa Pascual fálanos de loitas interiores, de adversarios non desexados, da nosa capacidade de resistencia fronte ás circunstancias adversas; da dureza da incomprensión, do paso infatigable dos días, e de como "positivar o negativo". Unha serie de sutís e audaces ilustracións acompañan ao texto e delatan a mestría da escritora no mundo da creación plástica e a arte. Malia que a voz protagonista semella "fuxir sen rumbo", "camiñar sen saber cara a onde" e sen a "capacidade de discernir o que está ben do que está mal" (o que lle dá un ton certamente pesimista á narración), non debemos esquecer, como esa mesma voz nos lembra máis adiante, que sempre "hai unha primavera fresca, trémula, que esperta tras un inverno xélido". Atopámonos, xaquelogo, ante un libro ao que non lle falta nada pero si lle sobran, ademais das dúas derradeiras liñas do último relato, o prólogo e o epílogo, que están aí, penso eu, por amizade, pero tamén por inseguridade. Non é que non considere sabias as palabras do ilustre amigo, Camilo José Cela, ou as da respetada colega, a profesora Esperanza Robles Sastre, senón porque este libro non necesita "protección" algunha; precisamente, porque lle sobra entidade.

 

Marisa Pascual, 'Para meigo', Ir Indo Edicións, 2009, 116 páxs. 12€