Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
literatura

En inglés, medio século despois

A Deputación de Ourense, en colaboración coa editorial Galaxia, publicará a tradución, realizada por Craig Patterson, da novela 'A esmorga' de Eduardo Blanco Amor ·· O PEN de Galicia rendeulle onte un tributo ao escritor ourensán, no trinta cabodano do seu pasamento

A Esmorga, a novela máis universal de Eduardo Blanco Amor, será publicada en inglés co apoio da Deputación de Ourense. Así o anunciou onte o presidente da institución provincial, José Luis Baltar, durante a tradicional ofrenda organizada polo PEN Clube de Galicia, que cada 1 de decembro se realiza no cemiterio de San Francisco, en lembranza de Blanco Amor. Ao acto asistiron, ademais do presidente da Deputación, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e o presidente do Centro PEN de Galicia, Luis G. Tosar, entre outras autoridades.

A publicación en inglés de A Esmorga (1959) é un proxecto realizado pola Deputación de Ourense xunto coa editorial Galaxia, posuidora dos dereitos de autor da obra, e conta co traballo de tradución a cargo do profesor de Cardiff Craig Patterson, destacado investigador da literatura galega que ten publicadas importantes obras de escritores galegos, entre eles Otero Pedrayo.

"A importancia deste traballo radica no impulso que terá para a literatura galega a promoción en inglés dunha das obras senlleiras da nosa literatura", indicou José Luis Baltar. O presidente provincial dixo que a figura de Blanco Amor ten unha longa e histórica vinculación coa Deputación de Ourense, xa que esta institución é depositaria da súa biblioteca, e supón "un xesto de xenerosidade dun dos escritores máis emblemáticos para a nosa provincia e para Galicia enteira, e unha mostra de xenerosidade e compromiso para que o seu legado quede a disposición da sociedade en xeral", sinalou.

'Da súa propia man'

Baltar destacou a inauguración da exposición Eduardo Blanco Amor. Da súa propia man, que tivo lugar onte pola tarde no Centro Cultural. Trátase dunha mostra que recolle material manuscrito de Blanco Amor, xunto co o orixinal de A Esmorga, dedicatorias de libros a vellos amigos da cidade de Ourense, un percorrido visual pola súa vida e mesmo obras de artistas ourensáns creadas inspirándose na súa figura ou nalgún dos seus personaxes, acompañado todo de obxectos persoais do escritor.

"Conmemorando o aniversario do seu pasamento e da edición desta obra excepcional, penso que todos os ourensáns e, en boa parte, todos os galegos, temos aínda unha débeda contraída con Blanco Amor, débeda que tentamos pagar de maneira decidida", engadiu Baltar.

pablo araújo/efe

A CLAVE HOMENAXE

Un modelo "ineludible" para a Xunta

O conselleiro de Cultura da Xunta, Roberto Varela, referiuse onte a Blanco Amor como "un dous máis importantes escritores galegos". Varela manifestou que para el foi unha "honra" desprazarse "aínda que só sexan 25 minutos" á cidade de Ourense para renderlle "un emocionante homenaxe" ao escritor n­unha cidade que xerou "moitos e grandes escritores galegos", dixo. O titular de Cultura cualificou o novelista, home de teatro, xornalista e poeta como "un exemplo de vida dedicada, con devoción á defensa e promoción da nosa cultura, unha vida dedicada á creación en galego". "Soubo entender, e na súa obra esta intuición resulta unha constante, a necesidade de universalización da cultura galega" o que, segundo o Varela, "son as claves da vixencia das súas obras e da súa figura".

Roberto Varela engadiu ademais que Blanco Amor "é aínda un modelo ineludible" para todos aqueles que dende a Xunta de Galicia traballan pola difusión, promoción, literatura e lingua galega .

A clave

Representación da peza 'Os Baralláns'

·· Onte tamén tivo lugar u­nha ofrenda floral nos Xardíns do Bispo Cesáreo, ante a estatua dedicada a Eduardo Blanco Amor. A ofrenda acompañouna unha representación teatral da peza Os Baralláns, a cargo dos alumnos do Instituto de Ensino Secundario Blanco Amor de Ourense .

02 dic 2009 / 02:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito