El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

Actor. Metade de ‘Mofa e Befa’

Evaristo Calvo: “Hai que rir de todo o que nos asusta”

ENTREVISTOS POR ROBERTO G. MÉNDEZ  | 05.01.2008 
A- A+

-Primeiro a pregunta máis parva, para que vaia sabendo a que aterse: é vostede Mofa, ou é vostede Befa?
-Algunha vez son Mofa e Víctor foi Befa, pero tamén fomos Mofeiro, Befales, Mofersky, Befalsky…
-Tanto monta, logo?
-Tanto.
-É que coa mofa aínda se porta, pero o dicionario di que a befa é unha groseira e insultante expresión de desprezo. Iso é que non os coñece a vostedes, ou que?
-O dicionario non coñece nin a nai que o pariu.
-De que convén mofarse e befarse, basicamente?
-De todo o que nos asusta, e en xeral das cousas que nos procuran mala vida.
-E vostede por que buscou compañía artística, confese: por non aburrirse, por facer máis vulto, ou por non levar sempre as culpas de todo?
-Fundamentalmente para rir.
-Tampouco é mal motivo, aínda que o humor xa tende el soíño a organizar a xente por parellas, non sei se sabe por que: penso no Gordo e o Fraco, ­Abott e Costello, Tip e Coll, Martes e 13, Cruz y Raya, Os Tonechos... Sigo, ou xa pensei de máis?
-Pensou vostede o xusto ou case de menos...
-Na miña liña.
-O humor tende a organizar a xente por parellas porque para levar unha labazada precisas dalguén que cha dea.
-Se é que ao final todo ten unha explicación... Para o que vai mal a parella é para este invento tan rendible e espremedísimo dos monólogos, non?
-Home, si. O monólogo por parellas soa raro, como un orfeón dun só cantante.
-Pero faino rir, o monologuismo, polo menos?
-Depende do monólogo, como sempre no humor: unhas veces escacho coa risa, e outras veces durmo.
-É que eu digo moito, seguramente sen razón, que un espectáculo de monólogos é o teatro da xente á que non lle gusta o teatro.
-O que é un espectáculo de monólogos é barato, de montaxe fácil e con poucas esixencias de espazo. Dalgún xeito, democratiza a actuación en vivo.
-Intúo que facer humor non é facer chistes, pero se me pon vostede algún exemplo ilustrativo...
-Gila facía humor, pero non facía chistes. Eugenio facía chistes, que é un xeito de facer humor.
-Cando non se mofa nin se befa é vostede un actor moi televisivo e moi televivisto, se iso existise. Á tele habería que facerlle un monumento, aínda que fose enriba?
-A tele ten mala prensa, pero hoxe é imprescindible. Nótese que, en caso de guerra, as emisoras de televisión son obxectivos preferentes.
-Facendo tele que se aprende, á parte de todos os vicios?
-A vida enteira é unha escola de vicios. A tele é inocente. Os viciados somos nós.
-Mire que pregunta máis malintencionada: cando un actor fai moita tele é porque lle ofrecen pouco cine? Mire outra: cando un actor fai moito teatro é porque lle ofrecen pouca tele? Mire a peor: cando un actor fai moito cine perde a memoria, ou é verdade que só facía tele por ir quentando para o cine?
-Eu fago máis o que máis me ofrecen. Non teño a experiencia de facer moito cine, e gustaríame tela, aínda que perdese memoria. Pero para min a tele non está no camiño a ningures. A tele é a tele e o cine é outra cousa.
-Oínlle dicir un día a Luis Tosar que conviría que os políticos deixasen o teatro para os profesionais. Se iso implica deixar para eles a política, non sei se compensa...
-Eu opino que se tes dotes de pallaso debes exhibilas, sexas ministro, conselleiro ou alcalde. Alguén terá que facer política, e polo visto hai xente á que lle gusta.
-Unha pregunta seria, a ver se me sae: dicía El Roto, o humorista gráfico, que, para enerxías renovables, as da sesta. Algunha alternativa mellor para o biodiésel, ou vou vendendo a dentadura para pagar o pan, no plan no que están os cereais?
-Eu, para empezar, estou de acordo con El Roto: non hai enerxía alternativa como aforrala. En canto ao que é renovable e o que non, é relativo: a enerxía solar parece infinita, pero captala consome outras ben finitas. Por último recomendaríalle que, se vende a dentadura, non sexa parvo e non compre pan: compre fariña para facer papas.
-Anda, claro: que estou sen dentadura...
-A ver.
-Unha última parvada: se a chorar se rompe, e da risa escacha un, que habería que facer para recompoñerse despois de calquera das dúas cousas?
-Calquera das dúas cousas serven precisamente para recompoñerse.
-Pois que paradoxo.
-Pois si.