El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

cine

Ignacio Vilar: "O reto do cine é emocionar e divertir asemade"

O director de 'Pradolongo' estará o venres en Alemaña xunto cos actores da película para promocionala // Na súa última obra -galega na súa concepción e na súa forma- invita a reflexionar sobre a relación coa natureza

Manuel Luis Rodríguez, esquerda, Ignacio Vilar, Rubén Riós, Tamara Canosa, Roberto Porto e Nacho Varela - FOTO: Carlos G. Hervella
Manuel Luis Rodríguez, esquerda, Ignacio Vilar, Rubén Riós, Tamara Canosa, Roberto Porto e Nacho Varela - FOTO: Carlos G. Hervella

HÉCTOR BARRERA • BARRERA   | 03.10.2008 
A- A+

Sen ningunha dúbida, o Festival de San Sebastián abriu moitas portas ao filme galego Pradolongo. O director, Xosé Ignacio Vilar Díaz (Petín de Valdeorras, Ourense-1951), xunto cos actores Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto, estarán en ­Frankfurt, Alemaña o próximo venres promocionando a película. Outro destino é Francia pero hai moito máis.

Produtor e director, Ignacio Vilar fundou en 1991 a produtora Vía Láctea Filmes. Lonxe quedaron os seus comezos como montador en Barcelona, cidade na que tamén foi profesor de cine a primeiros dos 80, na obra social da Caixa de Pensións de Cataluña. Na súa carreira, ten desenvolvido tamén labores de guionista e realizador.

"Facer unha película e, que ademais lles guste aos espectadores, é o máximo que se pode pedir neste traballo", subliña Vilar. "Cando empezas unha película de baixo presuposto, rodada en galego, cos matices e as variantes ademais de Valdeorras... non podes saber como funcionará".

O segredo talvez estea na súa intención de escribir unha historia local e á vez universal. "Había tres temas fundamentais: a amizade, o amor e a relación coa natureza". Temas que o director galego enlazou con Valdeorras, "onde o ouro negro (a loxa) produce moitos postos de traballo pero, ten o problema que é o importante impacto visual que causa na natureza, cousa que pode pasar noutros sitios. É a relación do ser humano coa natureza debida á revolución científico-técnica ou os avances tecnolóxicos. Pois iso é algo universal nestes momentos".

Exposición vital

Di que quería expor o problema para crear a reflexión sobre este tema. "Estamos chegando a un momento no que o ser humano debe formularse unha nova relación coa natureza, senón, e imposible vivir no planeta terra". E faino coa súa ferramenta principal que é o cine.

"Emocionar e divertir á vez é o reto", di. "O cine dálle a posibilidade ao espectador de reflexionar sobre estes temas".

E sobre todo, a problemática galega. Co seu espírito, a cor, o sabor, a forma sempre galega. Por iso valora especialmente o comentario de Manolo González sobre Pradolongo quen, no máster que imparte na Coruña, definiu a película como un prato de polbo á feira. Pódeche gustar ou non, pero é galego.

E todos eses valores sociais e culturais que leva o filme, foi o que se premiu en San Sebastián. "Cando Natalia Verbeke -que estaba no xurado- nos entregou o premio, dixo que a interpretación desta película era unha das máis frescas, e que lle chegara a historia ao corazón. Iso, para nós, foi conmovedor e alegrounos moitísimo".

As experiencias con Pradolongo foron en verdade emocionantes. En Ourense tiveron que abrir outra sala pola cantidade de xente que había. E quitaron unha película norteamericana para poñer Pradolongo.

E o domingo viron saír a ­unhas 450 persoas das dúas salas, con xente de catro xeracións. Rapazas e rapaces, con roupa informal, xunto con maiores que baixaran das aldeas, vestidos de domingo... E todos, igual de emocionados, déronlles os seus parabéns aos artistas.

En San Sebastián, todo o mundo quixo arroupar o equipo. desde o secretario xeral de Emigración Manuel Luis Rodríguez -xunto cos presidentes dos centros galegos do contorno-, ata Nacho Varela, director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, a directiva do Clúster e un moi longo etcétera.

Moito traballo -dous anos sen parar-, cásting con 600 mozas, dos que quedaron 11 aos que se lles deu un curso de interpretación de seis meses... ­dous meses de ensaios cos actores profesionais... conviencias cos campesiños... tres meses de traballo ­cunha lingüista local... cousas que non son tan normais no cine, pero que deron froito.

PREMIOS E UNHA EXTENSA FILMOGRAFÍA

'Vilamor' o próximo traballo

Ignacio Vilar gañou o premio Carlos Velo para guións de longametraxe (1989), da Consellería de Cultura; o Lobo de Cinema ó mellor documental (A Coruña, 2001), con Polisóns.

Na súa filmografía é variada e toda ela comprometida. As súas obras son: ¡Aproba! (1995) Edipo e Techné (1997); O cambio (2) (1997); Polisóns (1999); Pintores da vangarda histórica galega (2000); Disonancias (2000); A aldea: o antigo e o novo (2000); Ilegal (2002); Un bosque de música (2003); e a exitosa Pradolongo (2007), recente premio Cidade de San Sebastián Film Commission.

Ignacio Vilar, non para e entre a promoción da súa última película, por varios países, traballa xa na preparación da rodaxe do seu próximo filme, que levará por título Vilamor, gravada en varias localidades de Negueira de Muñiz.

Ignacio Vilar comenta que Vilamor tratará sobre "un señor que regresa a Foxo, onde el viviu cando tiña quince anos de idade, na década dos 70" .