Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Manuel Veiga: "Seremos máis plurais e menos doutrinarios"

Manuel Veiga (Monforte de Lemos, 1960) leva vinte e catro anos na histórica cabeceira A Nosa Terra, da cal agora toma as rendas durante a presentación da remuda do semanario e do novo diario dixital. Doutor en Ciencias Políticas e licenciado en Ciencias da Información, a súa traxectoria profesional pasa pola literatura, actividade que de ningún modo pensa abandonar.

"Non teño televisión e durmo pouco", xustifícase. É un home da casa como el mesmo di, que ama o xornalismo e que ten as ideas claras. Pódese dicir que Veiga tivo como mestre a Alfonso Eiré, antigo director e agora conselleiro delegado da empresa. Del destaca o "seu gusto polo reporteirismo" que nesta etapa saíra reforzado. Despois de cen anos de loita por saír adiante, A Nosa Terra afronta tamén un cambio radical no seu aspecto físico. Seguirase chamando igual pero o seu formato será tabloide compacto, seguindo a liña dos xornais europeos. Van aumentar a 56 o número de páxinas e ademais irá grampado.

En canto a seccións, e segundo explica o seu director, a cultura terá máis importancia e haberá colaboracións vinculadas ás tres forzas parlamentarias, nas que participarán dende Carlos Aymerich, a Luis Lama, pasando por Antón Losada, ou Susana López Abellas.

Outros dos cambios significativos será a liña editorial. Manuel Veiga pensa traballar para lograr un "medio máis axil, máis diversificado, máis plural e menos doutrinario". Sabe que é imposible chegar a todos os públicos pero intentará que sexa "máis plural de ideas e contidos" para lograr unha maior incidencia.

En toda unha declaración de intencións asegura que tratarán de "reinventar o produto" e "sen autocensuras facer unha crítica construtiva". "Seremos máis obxectivos, contrastaranse máis os datos... en definitiva trátase de facer un bo xornalismo fuxindo do sensacionalismo que está tan en voga".

O novo diario dixital 'anosaterradiario' tamén supón un salto cualitativo "xa que nos permitirá dar novas máis actuais e frescas". En canto á parte empresarial, o grupo San José, a terceira empresa de Galicia, convértese no principal accionista de Promocións Culturais Galegas, editora de A Nosa Terrra, o que supón unha importante inxección de capital. "Con este paso fortalécese a economía da empresa e non vai ser un problema para que o xornal sexa menos galego", afirma Veiga. "Todo o contrario, vai ter máis medios para chegar a máis xente".

Tamén hai cambios no consello de administración, que preside Miguel Barros e contará entre os seus membros co ex presidente do Parlamento de Galicia e ex dirixente de Coalición Galega, Centristas e do PP, Victorino Núñez, o deputado socialista Ceferino Díaz, a nacionalista Ana Miranda ou o historiador Bieiro Alonso, entre outros .

05 dic 2007 / 01:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito