Lunes 21.10.2019 Actualizado 12:20
Google    

El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

normalizar

A Mesa manifestarase o 18 de maio "polo dereito a vivirmos en galego"

A organización de defensa do idioma insta a "entidades e persoas" a participaren masivamente na protesta

E.P. • SANTIAGO   | 05.04.2008 
A- A+

A Mesa pola Normalización Lingüística deu onte a coñecer o manifesto acordado pola asociación con motivo do Día das Letras Galegas, que se celebra o 17 de maio, e instou a "entidades e persoas" a subscribilo, baixo o lema Polo dereito a vivirmos en galego.

Neste sentido, A Mesa pide o apoio do texto a asociacións veciñais, centros de ensino, sindicatos, organizacións estudantís e empresas para "garantir" o dereito "inalienable" a "vivir en galego". Para iso, pódese enviar un correo electrónico a amesa@amesanlamesanl.org ou un fax ó número 981 58 37 82.

Así mesmo, a asociación en defensa da lingua, que aprobou o manifesto o sábado pasado nunha asemblea xeral celebrada en Santiago, tamén promoverá nos concellos mocións ou declaracións institucionais en favor da participación na manifestación do domingo 18 de maio (un día logo da festividade) co fin de "ateigar" a compostelá Praza da Quintana.

Catro puntos fundamentais

O manifesto recolle catro puntos fundamentais, de maneira que o primeiro deles considera o "dereito a vivir en galego como un dos dereitos humanos elementais que ten Galicia como pobo".

Así mesmo, apunta que o galego "é o idioma natural de Galicia, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía, é a lingua propia", polo que o pobo "ten dereito a que a súa lingua ocupe, con dignidade e normalidade, calquera ámbito da súa vida".

O segundo punto do manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística postula que "deben existir garantías para poder vivir en galego, polo que esixe "compromisos e a aplicación e adopción de medidas legais por parte das Administracións públicas".

En terceiro lugar, A Mesa denuncia e alerta de que, "contra os que se apuntan á suposta defensa do bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego".

Para rematar, a asociación apela ó "compromiso persoal de todos para usar o galego en todos os ámbitos: coa familia, no traballo, nas relacións coa administración e en tempo de lecer". "O futuro do galego depende de nós", conclúe.