El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

iv edición

'Pradolongo' faise co Cidade de San Sebastián Film Comission

O filme de Ignacio Vilar, rodado en lingua galega, impúxose a outras candidatas como 'El orfanato', 'Rec' ou 'Los crímenes de Oxford' // A entrega do galardón terá lugar no marco do festival donostiarra o vindeiro 23 de setembro

AGN • SANTIAGO   | 17.09.2008 
A- A+

Sangiao
Pola esqda., Tamara Canosa, Rubén Riós, Ignacio Vilar e Roberto Porto na presentación de ‘Pradolongo’
FOTO: Sangiao

O filme galego Pradolongo, dirixido por Ignacio Vilar, resultou galardoado co IV Premio Cidade de San Sebastián Film Comission, integrado na sección Made in Spain do festival e dotado con 12.000 euros. Esta distinción supón unha plataforma de lanzamento internacional para a película gañadora. En anos anteriores, o permio recaeu en filmes como Alatriste, La leyenda del tiempo e En la ciudad.

Pradolongo, protagonizado por Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto, impúxose a outras películas presentes na sección Made in Spain, como El orfanato, Rec ou Los crímenes de Oxford. O feito de "reflectir os valores urbanísticos, paisaxísticos, culturais e sociais" do lugar onde se rodou inclinou o xurado cara esta película.

Integrado polas actrices Natalia Verbeke e Alicia Borrachero, así como polo escritor e crítico Manuel Hidalgo e o decorador Pascual Ortega, o xurado valorou tamén o impulso que supuxo a cinta rodada en Valdeorras para a industria audiovisual.

O Festival de Donostia recoñece así o traballo do equipo de Pradolongo, producida por Vía Láctea Filmes, por facer dunha historia local algo universal, e malia que a súa versión orixinal emprega só "galego de Valdeorras".

A entrega do premio terá lugar o martes 23 de setembro. Posteriormente, a película proxectarase ante un aforo duns 240 espectadores, tanto o martes como o mércores.

RODAXES GALEGAS NA CARREIRA AO OSCAR

Cuerda, Garci e Gracia Querejeta, precandidatos

Dos tres filmes finalistas para representar a España nos Óscar, ­dous foron rodados en Galicia. Trátase de Los girasoles ciegos, de José Luis Cuerda, gravado na cidade de Ourense, e de Siete mesas de billar francés, de Gracia Querejeta, rodado parcialmente en Vigo. Xunto con Sangre de mayo, de José Luis Garci, compoñen a proposta de España para a 81 edición dos Premios da Academia de Hollywood, que se celebrarán o 22 de febreiro. Os filmes foron elixidos de entre as 80 películas españolas estreadas entre o 1 de outubro de 2007 e o 30 de setembro de 2008, segundo informan dende o Consorcio Audiovisual de Galicia, que manifestou a súa satisfacción polo resultado desta primeira criba. O 26 de setembro coñecerase o nome da película que representará a España nos Óscar. Para o Consorcio, a elección do filme de Cuerda como finalista española aos Óscar, xunto con outros motivos, xustifica a participación en Los Girasoles Ciegos de Semprecinema Producións .