El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

cos novos tempos

A RAG modificará cinco termos para facelo respectuoso cos gais

A Real Academia Galega incluirá os cambios na reedición do dicionario oficial do galego en 2010 // Busca ser "un exemplo de correción social"

E.P. • SANTIAGO   | 12.12.2009 
A- A+

A Real Academia Galega e o colectivo de lesbianas, gay, bisexuais e transexuais de Galicia Colega chegaron a un acordo para modificar o significado de cinco termos na reedición do dicionario oficial de galego, co obxectivo de facelo "respectuoso" co colectivo homosexual.

Así o explicou en Santiago o secretario da Real Academia, Manuel González, quen atribuíu esta modificación nos termos denunciados polo colectivo gay á necesidade de que organismos como a RAG sexan "dinámicos" e "avancen" coa sociedade.

"Un dicionario que queira ser unha obra actual ten que estar aberto tamén a modificacións", explicou o académico, quen mostrou a "disposición" da RAG "cos brazos abertos" a modificar outros termos que poidan prexudicar a algún colectivo.

En concreto, as modificacións afectarán en principio aos significados dos termos homosexual, homosexualidade, matrimonio, pederasta e pederastia, que na edición de 1997 incluían referencias "pexorativas" cara ao colectivo homosexual.

Manuel González fixo fincapé na súa intervención na "enorme preocupación" da Real Academia polo "respecto a todas as ideoloxías e todos os colectivos" e dixo que a institución "pretende ser un exemplo de corrección lingüística e corrección social".

Neste sentido, González atribuíu o atraso na actualización das definicións dalgúns termos aos tempos establecidos para novas normativas, e recordou que é algo "que se dá en todos os dicionarios do ámbito" galego.

En todo caso, o académico fixo un chamamento para que calquera persoa ou colectivo que senta "discriminado" por algunha acepción, se poña en contacto coa RAG, onde recibirán as achegas "cos brazos abertos".

O novo dicionario da RAG, que ten prevista a súa saída ao mercado entre abril e maio do próximo ano, ampliará os seus termos ata case duplicar as 30.000 entradas na actualidade.

O presidente de Colega Galicia, Rafael Moral, gabou a predisposición da RAG a modificar estes termos no seu dicionario.