El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

música

The Homens presentan hoxe en Santiago o pop fero de 'Cuarta potencia'

O cuarto traballo da banda compostelá renova o seu compromiso coas melodías enérxicas // A Sala Nasa acolle, ás 21.30 horas, a estrea deste disco, editado por Lixo Urbano

F. P. L. • SANTIAGO   | 17.12.2009 
A- A+

JANITE
Os integrantes de The Homens, esta noite na Sala Nasa de Santiago
FOTO: JANITE

É o cuarto traballo de The Homens, despois dos EPs #1 (autoeditado, 2005) e #2 (autoeditado, 2006) e o longa duración Tres (Falcatruada, 2007). Titúlase Cuarta potencia e potencia melódica é o que propón esta banda de Santiago que, desta volta, se amosa máis preocupada polas melodías e pola expresividade das letras e, á vez, máis ruidosa ca nunca.

Producido por Santi García (Nueva Vulcano, Charades, The Unfinished Sympathy...), este novo disco -que hoxe presentan, ás 21 horas, na Sala Nasa de Santiago e mañá venres, ás 22.30 horas, no Le Club Directo da Coruña- recolle unha ducia de cancións nas que The Homens envorcan todo o vivido e aprendido en catro anos de xira sen fin, insistindo no seu gusto polo pop británico de todas as décadas e a enerxía do punk americano dos oitenta, e engadíndolle un renovado interese pola psicodelia e a experimentación.

Editado polo mítico selo santiagués Lixo Urbano, Cuarta potencia é -en palabras dos integrantes do grupo Xocas (batería), Roi (baixo e voz), Martin Wu (guitarra e voz) e Cristovo (teclas, pandeiretas e enxeñería eléctrica)- "enerxía condensada en pílulas dóces, é cantar bonito coa boca escumando rabia".

Pop con actitude, en todo caso, de exquisita factura, rebordante de enxeño e elegancia e que, tras a súa aparente inmediatez, agocha unha torrenteira de emocións. Para bailar e berrar, en directo, hoxe mesmo na Nasa.

O DATO

Novedades Carminha

·· The Homens compartirá o escenario da Nasa, hoxe a partir das 21.30 horas, co grupo Novedades Carminha, que interpretarán os temas do seu novo CD, Te vas con cualquiera, traballo discográfico que tamén edita Lixo Urbano .