Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 03 marzo 2021
12:09
h
{ tribuna libre }

‘14’ de Jean Echenoz

    Concertado de arte, talento de miniaturista, un libro de despoxo emocional...a reacción da crítica francesa foi unánime á hora de xulgar este libro, 14 da autoría de Jean Echenoz. O éxito entre o lectorado non ten sido menor. En España a situación é semellante: edítao Anagrama en setembro e no mes de outubro aparece a segunda edición. Unha novela breve na que o escritor francés, gañador de todos os premios franceses, entre eles o Goncourt, emprende unha nova viaxe despois do seu exitoso tríptico biográfico (Ravel, Zátopek, Nikola Tesla), e escribe verbo da Primeira Guerra Mundial, achegándonos un gran fresco histórico de catro anos de estarrecedora barbarie. A pluma de Echenoz describe, en efecto, avanzando cos soldados, as inesgotables xornadas da Gran Guerra, apremado pola realidade, por un diario dun dos miles de soldados mortos que, por cousa do azar, chegou o seu poder.
    Todo arrinca un día cun paseo en bicicleta dun mozo de a Vendée. Con el, un seu irmán e tres amigos que se alistan de contado nunha guerra considerada polo franceses como unha excursión de fin de semana, entramos de cheo no estupor e no dramatismo da primeira guerra industrial. Na retagarda fica Blanche, preñada e cunha historia de amor a tres cos dous irmáns. Ela e o relato da vida na cidade serán o contrapunto paralelo das pavorosas experiencias na fronte.
    Deste xeito, cunha escritura tan incisiva como minimalista, de inigualable precisión poética, á vez tenra e burlesca, Echanoz mergulla o lector na carnicería apocalíptica con dez millóns de mortos e corenta de feridos. Un matadoiro de mozos confiados no medio de “tempestades de aceiro”, como describiu Jünger a Gran Guerra.
    Unha escritura contrapunteada (fronte-retagarda), a acuidade do autor para facer visibles as experiencias ás que se enfrontan os incautos soldados, a condensación minimalista, a plasticidade de moitas imaxes, certos parágrafos curtos cicelados e que o lector recibe como laparadas, son algúns dos elementos formais que emprega o escritor coa finalidade de crear un artefacto literario contundente para amosarnos ese intre da historia do século XX no que o home se atopa coa súa orixinal xénese animal. Os amasillos putrefactos de carne humana e animal, espallados polos campos, son a elocuente metáfora para describir un século de xélida animalidade, unha centuria de inusitada barbarie.

    Crítico literario

    18 nov 2013 / 19:32
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito