Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Cen anos de historia cultural

1957: Ferrín e Xoana Torres

    A altura de 1957 América tiña un peso cualitativo aínda moi relevante na cultura galega, como imos vendo nesta serie ó longo das últimas semanas. O 15 de xullo Xosé Neira Vilas e a súa dona Anisia Miranda poñen en marcha Follas Novas, librería, mostra, distribuidora e propagandista do libro en galego. Luís Seoane, pola súa banda, pon en marcha a Editorial Citania e Eduardo Blanco Amor funda o Teatro Popular Galego, que só representou as obras O cantar dos cantares, do escritor ourensán, e a Estadeíña de Manuel Lugrís Freire: o propio Blanco Amor laiábase nunha entrevista da época que boa parte do público se ría nas situacións máis dramáticas da obra de Lugrís, "en el fondo, se reía de oír hablar en gallego, porque el gallego, hombre e idioma, se había asociado siempre a la escena para hacerlo reír" (Galicia Emigrante, 25 xullo).

    Nese mesmo ano publícanse en Buenos Aires a novela de Ramón de Valenzuela, Non agardei por ninguén, de base autobiográfica e tamén crónica dos desastres da guerra civil; a obra de teatro O ángulo de pedra, de Isaac Díaz Pardo (ámbolos dous libros na Editorial Citania, colección Mestre Mateo); La soldadera, versión en castelán de A soldadeira, de Luís Seoane, publicada na Editorial Ariadna, e o Esquema de farsa, do mesmo autor, inspirado na celebracióin demagóxica e folclorista do Día del Emigrante Gallego na Coruña o 12 de outubro de 1956. Tamén na colección Idacio, da Editorial Citania, saía Grandeza y decadencia del reino de Galicia, de Emilio González López. Na Galicia interior aparecían libros como Mito e realidade da Terra Nai, de

    Xoán Rof Carballo; Carballiño. Poemas ó xeito vello pra unha vila nova, de Xoán Fariña Jamardo; o folleto Sete poemas galegos, de Carlos A. Areán González; e o drama Almas en pena, de Leandro Carré Alvarellos, e o poemario, próximo á estética de Ramón Cabanillas, A roseira da soidade, de Antón Zapata García, publicado cun limiar de Otero Pedrayo. A editorial Galaxia seguía coa súa Antoloxía Poesía Galega cun novo tomo sobre a obra dos poetas do século XIX, preparado por Francisco Fernández del Riego.

    Deste ano son tamén títulos como Recordando tempos con mor doutros tempos, publicado en Palas de Rei polo párroco de Penas, Teolindo Cortiña Toural; o primeiro tomo de Blasones y linajes de Galicia, do Padre Crespo, en Bibliófilos Galegos; Cervantes, compañero eterno (Madrid, Ed. Aramo), de Santiago Montero Díaz; a versión en castelán do Merlín de Cunqueiro, e a primeira parte de Los gozos y las sombras, de Torrente Ballester. Cara ó exterior foi importante a publicación en Madrid (Publicaciones Españolas) do volume Literatura gallega actual, de

    Xavier Costa Clavell, un libriño de trinta páxinas cunha ampla introdución sobre a historia da literatura galega e unha catalogación dun total de 140 autores que inclúe tanto escritores en galego como outros de orixe galega que o fixeron en castelán, restrinxido só a autores vivos naquel momento. Entre os valores desta publicación está a atención que lle presta o autor ós xornalistas de prensa escrita e en radio, de orixe galega, e ás colaboracións cos medios galegos doutros escritores como Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Pero as novas letras tamén facían acto de presenza: velaí a forte pegada das novas xeracións na Editorial Galaxia. Xosé Luís Méndez Ferrín publicaba o seu primeiro libro, o poemario Voce na néboa, e inaugurábase a colección Illa Nova, tamén co primeiro poemario de Xohana Torres, Do sulco. Pola súa banda, Manuel María, xa con tres versos de libros editados, estreábase como autor de teatro co Auto do taberneiro.

    MANUEL RIVAS

    Na fornada de escritores nacidos en 1957 encontramos a Manuel Rivas Barros, o autor de ‘Os libros arden mal’ e unha ampla xeira de novelas e poemarios; Bieito Iglesias, nacido en Quintiáns (Ourense) e con raíces en Coles; Ramón Caride Ogando, nas terras ourensás de Cea; Ramiro Fonte, en Pontedeume, quen co tempo recollería os seus anos de infancia nesa vila coruñesa no seu libro ‘Os meus ollos’ (2003); os poetas Antón Reixa, tamén cineasta e produtor, e Alberto Avendaño, os dous naturais de Vigo; Gonzalo Navaza, de Lalín; Xavier Queipo, de Compostela; o dramaturgo coruñés João Guisan Seixas e as poetas Pilar Pallarés, nacida na vila de Culleredo, e Luísa Villalta, nacida na propia cidade coruñesa. En Baiona nacía o filólogo Xosé G. Feixó Cid e en Lourizán (Santo André), Elisardo Becoña, autor de estudos sobre a medicina popular galega. Tamén en 1957 nacía en Cambados un dos nosos artistas máis universais, o escultor Francisco Leiro, que hoxe vive entre Galicia e Nova York. En Monforte facíao o pintor Antón Patiño e en Betanzos o historiador Xesús Torres Regueiro. Na Coruña nacía o actor Nancho Novo e en Esteiro (Muros) o tamén actor Xosé M. Olveira ‘Pico’.

    Outros nomes da mesma xeración son os do arqueólogo Ramón Fábregas Valcarce, de Lugo; os homes de teatro Paulino Pereira, Xosé M. Pazos e Ramón Blanco Rey; a pintora coruñesa María Xesús Díaz; o director do xornal GALICIA HOXE, Caetano Díaz Vidal, nacido en Corrubedo; o showman da Televisión de Galicia Xosé M. Piñeiro, de Allariz; o pedagogo Alberto Ansede Estraviz, nacido en Vilasantar (A Coruña), presidente da AS-PG entre 1988 e 2001; Xosé Manuel Barreiro, en Lugo, que foi vicepresidente e conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia no goberno Fraga, e María Xosé Bravo Sanjosé, do Bolo, Ourense, actual secretaria de comunicación do BNG.

    No apartado de falecementos deixemos en 1957 constancia da morte do poeta ourensán Alfonso Alcaraz; do novelista de Chantada José Costa Figueiras.

    MONUMENTO A ROSALÍA

    A vila de Padrón erixía un monumento a Rosalía de Castro no Espolón, inaugurado o martes de Pascua 23 de abril, pagado polos emigrantes padroneses no Uruguay e realizado polo compostelán José María Mateos, discípulo de Asorei. A estatua representa á egrexia poeta de pé, cun libro baixo do brazo, vestindo unha ampla capa e traxe de chaqueta; no pedestal reproducíronse varios poemas seus. Foi tamén neste ano cando o fotógrafo Manuel Ferrol fixo a súa serie de imaxes máis internacional, a famosa ‘Emigración’, realizada no porto da Coruña por encargo da Comisión Católica de Emigración.

    Tamén en 1957 o escultor Antón Faílde ingresaba na Real Academia de Belas Artes de San Fernando e Camilo José Cela entraba na Real Academia Española, con 42 anos. Fole incorporábase con asignación fixa á redacción do xornal El Progreso e nacía en Galicia a Asociación de Amigos dos Castelos. Tamén nacía, en Vigo, o grupo musical Os Tamara e en Ourense o seu Conservatorio de Música, mentres que en Santiago o facía Música en Compostela. Na prensa foi un ano bastante pobre: catro publicacións na emigración e dúas do réxime. As primeiras foron

    Agarimo, "Revista Pro Hogar Gallego para Ancianos" de Buenos Aires (na que escriben Blanco Amor, Valenzuela e A. Baltar); Finisterre, Boletín Informativo do Centro Coruñés de Montevideo; Lar, da Casa de Galicia de Valladolid; e La Voz de Breogán, da Xuventude de Galicia de Lisboa. As outras dúas foron Amanecer, do Frente de Juventudes da Coruña, e Metralla, da Hermandad de Combatientes de Ponteareas.

    O mundo do cine recollía en 1957 tres películas de sona rodadas en Galicia: El hereje, de Francisco Borja Moro, sobre un conto de José Mª Sánchez Silva; Camarote de lujo, de Rafael Gil e sobre o relato ‘Luz de luna’ de Fernández Flórez, e a moi popular Orgullo y pasión, superprodución norteamericana rodada en parte en Santiago e dirixida por Stanley Kramer que trouxo ó noso país a actores como Cary Grant, Sofía Loren ou Frank Sinatra.

    03 mar 2007 / 17:48
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito