3.002 vacantes no concurso de traslados de Educación
Afirma a Xunta que é o "maior número da historia de Galicia" // A decisión tomouse despois dunha reunión cos sindicatos
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional anunciou que vai ofertar o "maior número de vacantes no concurso de traslados da historia de Galicia", un total de 3.002.
A decisión tomouse onte despois da negociación na Comisión Técnica para a Determinación das Vacantes do Concurso de Traslados, constituída por acordo da Mesa Sectorial do Ensino Non Universitario.
As 3.002 vacantes contribuíran a darlle "máis estabilidade" aos docentes e, como consecuencia, ao sistema educativo, asegura a Xunta nun comunicado.
A proposta inicial viuse incrementada en máis de 900 prazas despois da reunión da comisión, na que participan canda a Consellería os sindicatos CIG, CCOO, ANPE e FeSP-UGT.
Ademáis, Educación destaca que a oferta acordada onte permitirá "reducir" a provisionalidade ao "diminuír notoriamente" o número de persoal docente en expectativa de destino, incrementando a estabilidade do profesorado nos centros educativos, "xa que non terán que participar todos os anos na convocatoria" para obter un destino provisional. Na determinación das vacantes ao concurso tivéronse en conta as horas derivadas da aplicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado, destinadas a desdobramentos de grupos e ao reforzo educativo.
Tamén se tiveron en conta, asegura a Consellería, os incrementos horarios derivados dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento, da formación profesional básica e das ensinanzas de adultos. Así mesmo, continúa o comunicado, "poténciase o bilingüismo" nos centros educativos galegos, ofertando con carácter definitivo vacantes con "requisitos esixidos para impartir determinadas materias no idioma correspondente".
DISTRIBUCIÓN
CORPOVACANTESMestres 1.017
Profesores de Ensino Secundario 1.177
Profesores técnicos de FP 380
Profesores de Escolas Oficiais de Idiomas 151
Catedráticos de Música e Artes Escénicas 119
Profesores de Música e Artes Escénicas 134
Profesores de Artes Plásticas e Deseño 21
Mestres de Taller de Artes Plásticas e Deseño 3
TOTAL 3.002