Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O CURRUNCHO DA PALABRA

Aburrimento (nos tempos da corentena)

    Fastío debido a unha falta de estímulo ou distracción ou por molestia reiterada. Tamén persoa, cousa ou situación que causa tedio ou cansazo, entre os que espero que non se atope este escrito, xa que estou seguro de que ides encontrar, cando menos, algunha cousa que sexa do voso interese. Sinónimos: cansazo, desgana, fastío, tedio.
    Aburrimento é vivir sen vivir un día que non che di nada, non de precipicio pero ao bordo, un día de nubes indignadas coa luz, pegañosas e pesadas, mentres pretendes cansadamente buscar unha saída aos teus quefaceres, sen auténticos desexos de atopala, descentrado, tan plano como o mar que te mira sen entenderte. Bocexo.
    Morrer de aburrimento. Aburrirse coma unha ostra. Aburrirse soberanamente. Todo o que non interesa aburre. Non ter nada que facer aburre. “Nos días de aburrimento sóbrache a vida, tropezas contigo mesmo: non sabes que facer. Moléstache a túa existencia e consideras que non ser é o mellor. Sóbranlle horas aos teus días e ás túas noites. O tempo repítese, notas como se suceden os instantes. Sabes que estás de máis, que es algo sen sentido, algo sen nada”. Bocexo.
    O aburrimento é o pasatempo dos vagos. A moitos chégalles un momento da vida no que, para non aburrirse, se aferran ás lembranzas e non sei seme convén advertirvos de que ben podería ser eu mesmo. Os aburridos son os mortos da vida. Si te aburres é que non podes soñar.Os aburridos son uns pesados, non fan exercicio. Obvio: busca cousas que facer e nunca te aburrirás, procura cambiar de aburrimento. Bocexo.
    As cousas de demasiado andar pola casa, ademais de aburridas, transmiten o que ten que ver coa parte menos positiva do home, o mundo das rifas e dos rancores, ese mundo que todos levamos dentro e que, doutra banda, é moi terriblementesubxectivo. Bocexo.
    En Oriente a sabedoría acomódase ao aburrimento, fazaña que aos europeos lles resulta tan difícil que sospeitan que a sabedoría é imposible (Nietzche). O tedio é unha enfermidade do entendemento que non acomete senón aos ociosos (C. Arenal). Aburrirse é mastigar tempo (Cioran). No aburrimento hai unha crueldade que se disolve e que, ao disolverse, carcome e destrúe a nosa carne, a nosa medula (Cioran).O aburrimento é unha tristeza da vontade (Andrés Neuman). Kierkegaard sostiña que o aburrimiento foi o que poboou ao mundo: Deus aburríase e creou a Adán e polo tanto, de acordo coa súa teoría e coa axuda de Eva, desde aí ata hoxe. Pobre Rafael Alberti, parece ser que se aburriu moito en Roma e así nolo fixo saber a través do seu poema O aburrimento, que comeza así:

    Abúrrome.
    Abúrrome.
    Abúrrome.
    Como en Roma abúrrome!
    Máis que nunca me aburro.
    Estou moi aburrido.
    Que aburrido estou!
    Quero dicir de todos os xeitos
    o aburrido que estou.
    Todos ven na miña cara o meu gran aburrimento.

    25 abr 2020 / 22:42
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito