Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O aceite do “Oliveiral da Concordia” de Setecoros empezará a comercializarse en 2020

O párroco Paulino Sánchez e un grupo de veciños deron comezo esta mañá á colleita das olivas // Por primeiro ano están empregando medios mecánicos e esperan acadar os 400 quilos de froitos

“Esperamos acadar os 400 quilos de olivas”. Esa é a estimación “prudente” que realiza Paulino Sánchez, cura de Setecoros, no comezo dunha nova colleita no “Oliveiral da Concordia”. O párroco, axudado por un grupo de veciños, iniciou esta mañá os traballos de recolección na plantación da finca Igrexario, que cumpre 4 anos e medio. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez seguiron as tarefas a pé de oliveira.

“Pode dicirse que esta será a primeira colleita real”, explica don Paulino xa que as dúas anteriores foron bastante limitadas. A de 2017 foi moi prematura e sumou 180 quilos de olivas que se transformaron en 25 litros de aceite. “O ano pasado foi desastroso debido á climatoloxía, que impediu a floración das árbores”, explica o párroco. Nesta ocasión os resultados serán moitos mellores. Bastaba só con ollar, a primeira hora desta mañá, para algunhas das oliveiras, cargadas de froitos, especialmente as da variedade arbequina, a que mellores resultados está dando ata o de agora.

Por vez primeira este ano estanse a empregar medios mecánicos para realizar a recolleita, en concreto un vareador eléctrico que sacude as ramas das oliveiras e fai caer os froitos sobre unhas redes previamente extendidas no chan.

Mañá rematarán os traballos e a partir do mércores iniciarase a fase de procesamento e produción do aceite que, logo duns necesarios meses de repouso, poderá comercializarse “a partir de febreiro de 2020”, estima Paulino Sánchez. “Trátase dun aceite selecto, certificado por un laboratorio de Xaén como de alta calidade”, engade o párroco.

O “Oliveiral da Concordia”

O chamado “Oliveiral da Concordia” xurdeu hai catro anos e medio por iniciativa do cura de Setecoros. “Á miña chegada á parroquia, en 2013, esta finca estaba abandonada e iso era algo inaceptable. Durante dous anos estivemos sopesando con un grupo de veciños que cultivo se podería adaptar mellor á zona para contribuír á autofinanciación da parroquia”. En abril de 2015 realizouse a plantación dunhas 900 oliveiras de tres variedades diferentes: a portuguesa ou cobrançoca, a italiana tamén coñecida como frantoio, e a española ou arbequina.

“As tres variedades estanse adaptando ben”, explica don Paulino. “Coa arbequina é coa que estamos acadando unha maior produción, as outras dúas van máis lentas pero dando tamén indicios de que van a ser produtivas”. En abril deste ano, a través dun acordo co CSIC, incorporáronse á plantación outros 30 exemplares de seis variedades autóctonas de Galicia, ás máis coñecidas a mansa e a brava.

12 nov 2019 / 01:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito