Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Achan en Lugo fragmentos do 'Livro da Montaria' do rei João I de Portugal

Localizáronse no Arquivo Provincial, na encadernación dos Protocolos de Monforte

    Santiago. Investigadoras do Arquivo Histórico Provincial de Lugo localizaron, na encadernación de varios Protocolos de Monforte, pregos de pergameo que pertencen ao coñecido como Livro da Montaria de João I de Portugal, segundo permite comprobar a súa comparación co texto da obra publicada.

    Segundo informaron dende a Federación de Arquiveiros, esta obra foi redactada na corte de João I de Portugal entre 1415 e 1433. O documento, unha das obras portuguesas máis notables do século XV, está estruturado en tres libros, sumando un total de 70 capítulos.

    Así, o libro críase perdido ata o momento actual, exceptuando un único fragmento que estudou o profesor Ramón Lorenzo, da Universidade de Santiago de Compostela, e que se atopaba en posesión dun particular.

    O estado de conservación dos pregos nas encadernacións dos protocolos é "moi bo en xeral", con excepción "das dobreces, algún desgarro e zonas desgastadas polo uso", explican dende a Federación.

    O conxunto que se conserva no arquivo de Lugo componse de dez pregos enteiros, dez medios pregos e catro fragmentos, maioritariamente do libro primeiro e do terceiro e, en menor cantidade, do libro segundo. Trátase dun texto a dúas columnas, con iniciais adornadas en cores vermella, azul e violeta, prolongándose os ornamentos cara á parte inferior da folla.

    27 feb 2014 / 23:11
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito