Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acordo unánime da Corporación para crear un punto de encontro familiar en Carballo

Deciden tamén dotar dun nome propio oficial ao pavillón da rúa Vila de Noia da capital municipal

    Carballo. A Corporación carballesa acordou, por unanimidade e a proposta do PSOE, instar á Xunta para que elabore un estudo de viabilidade para crear un punto de encontro familiar en Carballo, "para uso de todos os concellos da comarca de Bergantiños".

    A voceira socialista, María Carmen Vila, considera de "vital importancia" a súa creación para "dar resposta ás necesidades dos veciños que teñen que desprazarse a outras localidades para facer uso deste servizo familiar para intercambiar aso menores cando lles toca cambiar de proxenitor". Actualmente, soamente existen nas principais cidades galegas.

    Tamén a proposta do PSOE, e coa abstención do PP, o pleno decidiu iniciar un proceso para dotar dun nome propio oficial ao pavillón que actualmente se coñece como Vila de Noia por estar ubicado nesa rúa carballesa.

    Por contra, foron rexeitadas as mocións de TeGa, que solicitaba a concesión de subvencións para mellorar a accesibilidade en edificios residencias colectivos e tamén a concesión dos campos de fútbol As Eiroas e O Carral aos clubs FC Bergantiños e SD Sofán.

    Tampouco prosperou a moción do PP que demandaba un plan de actuación para o coidado e mantemento do mobiliaro urbano. Os concelleiros do goberno impediron tamén que se aprobase unha declaración institucional de apoio as forzas de seguridade do Estado en Cataluña. A este respecto, os populares aseguraron onte que "é perigoso e sorprendente que o alcalde non esté ao lado das persoas que tratan de manter a orde".

    Na sesión tamén despediron ao concelleiro do PP, Ricardo Vilas, logo da renuncia á súa acta. Despediuse emocionado e os voceiros e voceiras dos distintos grupos desexáronlle sorte na súa nova etapa.

    29 oct 2019 / 21:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito