Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Adáptase a Ruta Rosaliana ás novas tecnoloxías

Mellorarase a imaxe de calidade da senda e empregaranse códigos QR

Co obxectivo de mellorar a imaxe, modernizar o sistema de información e facer máis accesible a Ruta Rosaliana; a Deputación da Coruña xunto cos concellos de Ames, Brión, Padrón, Dodro e Santiago van impulsar un proxecto de sinalización turístico intelixente. A idea é facer máis doado este recurso de especial interese turístico creado arredor do territorio biográfico e literario de Rosalía de Castro.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, reuniuse con representantes dos concellos implicados para avanzar na definición e no sistema de financiamento do mesmo. Na xuntanza decidiuse mellorar a calidade da imaxe da ruta, empregar códigos QR para ofrecer información online de recursos e mapas, incorporar beacons para ofrecer produtos e servizos personalizados a través do teléfono móbil e ofertar o acceso á reserva de aloxamentos, restaurantes e actividades antes da viaxe ou no destino.

A iniciativa dotará dunha tecnoloxía avanzada a turistas dixitais que queiran recibir a información nos seus dispositivos. Contempla asemade un plan integral de sinalización peonil coa actualización dos soportes e a incorporación de novas tecnoloxías para a sinalización intelixente. "É un recurso de especial interese cultural e turístico que ten unha grande potencialidade e queremos que se adapte aos novos sistemas de información e comunicación", indicou Xosé Regueira. O proxecto contempla ademais a análise e diganóstico da situación actual da ruta, así como a elaboración do plan director da sinalización e o desenvolvemento do novo sistema.

10 oct 2019 / 21:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito