Adxudican a Nima as obras de mellora no porto de Palmeira, en Ribeira
Nos traballos invisten 45.480 euros e están dirixidos á renovación da rede de pluviais
O Concello de Ribeira informou da adxudicación das obras dirixidas á renovación da rede de pluviais e a mellorar a pavimentación e a accesibilidade no porto de Palmeira. Así, de entre as vinte e catro ofertas presentadas, a actuación recaeu en Excavaciones Nima, S.L..
Actualmente na zona de intervención existe unha cuneta para a recollida de augas que supón un obstáculo para acceder ao parque colindante. Ademais, as beirarrúas son moi estreitas nalgún punto e as raíces das árbores situadas na zona axardinada están xerando danos no pavimento e provocando irregularidades.
Por iso, o obxectivo que se persegue é a instalación dunha nova liña de pluviais que permita anular a cuneta actual e construír unha beirarrúa pegada ao parque, de maior tamaño que a actual, para mellorar a accesibilidade.
Despois da actuación a rede estará formada por 275 metros de lonxitude e incluirá a instalación de oito pozos de rexistro e dez arquetas. Polo que respecta a beirarrúa, estenderase unha capa de formigón semipulido na que se intercalarán franxas de adoquín de formigón. Na intervención investirase un total de 45.480 euros.