Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Agacal dá frescura ao campo galego en protección da calidade, promoción e I+D

A Axencia da Calidade Alimentaria concentra as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico // Supón a desaparición do Ingacal e manexará un orzamento de 30 millóns de euros

O medio rural galego, e con el as actividades agrícolas e gandeiras, son unha prioridade nesta lexislatura para o Goberno da Xunta. Sobre todo no que ten que ver coa sua calidade, promoción e aplicación da innovación e o desenvolvemento (I+D), que agora se ven fortalecidas coa creación dun novo departamento encargado de abordar estas materias.

Trátase da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), que se convirte no instrumento básico de actuación en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, así como de potenciación da calidade da produción alimentaria galega, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario.

Agrúpanse así nunha única axencia, todas as competencias relacionadas coa aplicación da I+D+i ó agro, así como as relativas á formación, de xeito que todos os centros formativos da Consellería do Medio Rural dependerán directamente da Agacal, que está presidida pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez e conta como director con Manuel Rodríguez Vázquez.

O Consello da Xunta aprobou recentemente o decreto polo que se crea a Agacal, tralo ditamen positivo do Consello Consultivo. Con este paso, a norma rematou a súa tramitación, o que permitiu a súa constitución formal coa celebración da sesión constitutiva do consello reitor.


Estrutura e centros. A axencia estruturarase en diferentes departamentos: innovación tecnolóxica, promoción da calidade agroalimentaria e formación. Deste último, dependerán os centros de formación e experimentación de Medio Rural (Pedro Murias, Guísamo, Lourizán, Monforte, Sergude e Becerreá). Así mesmo, coordinará os centros de investigación, caso dos de Mabegondo, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ou o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, entre outros.

A creación desta entidade suporá a desaparición do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal). Pola súa banda, a Agacal manexará arredor de 30 millóns de euros, que son os contemplados nas contas do propio Ingacal, da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal e do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria, que se integrarán no novo ente.

A reorganización e mellora do funcionamento desta axencia redundará nunha mellor protección e promoción da calidade dos produtos alimentarios galegos, co conseguinte beneficio para todos os axentes da cadea de valor destas producións, dende o agricultor-gandeiro ata o consumidor final.

Ademais, fomentarase dun xeito máis eficiente todo o relativo á aplicación da I+D+i no eido alimentario e agroforestal, o que beneficiará non só aos produtores e industrias vinculados con estas actividades, senón tamén á poboación en xeral, xa que incidirá positivamente na calidade dos alimentos consumidos.

Santiago. Para asumir o reto de promover e potenciar un dos sectores máis representativos da nosa economía, a Consellería do Medio Rural nomeou a Manuel Rodríguez Vázquez como director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

A titular do departamento autonómico, Ángeles Vázquez, presidiu en San Caetano a súa toma de posesión, extendéndolle a Manuel Rodríguez a súa felicitación polo nomeamento e agradecéndolle o seu compromiso de traballo e plena disposición para asumir esta nova responsabilidade profesional.

Pola súa parte, o novo director agradeceu a confianza depositada nel pola conselleira e comprometeu o seu esforzo e dedicación para desempeñar este cargo na Agacal. Titulado en Enxeñería Técnica en explotacións agropecuarias, Rodríguez pertence o corpo facultativo de grao medio da Administración autonómica, na escala de enxeñeiros técnicos agrícolas.

Comenzou a traballar na Xunta no 2001 na antigua Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, en Santiago. A principios de 2012 asumiu a xefatura de Servizo Provincial de Estruturas Agrarias e tres anos máis tarde pasou a desenvolver tarefas propias de xefe territorial de Medio Rural na Coruña. No seu novo posto terá rango de director xeral.

22 jul 2018 / 22:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito